EQUO critica que a Oficina de Turismo da Xunta na Coruña peche durante a fin de semana

EQUO lamenta que os recursos de Turgalicia estean a empregarse en vídeos musicais cun dubidoso retorno publicitario mentres que os servizos ao turista son desatendidos.

EQUO A Coruña e Bisbarra quere pór de manifesto o seu desacordo ante o feito de que a Oficina de Turismo de Turgalicia, situada nos xardíns de Méndez Núñez, permaneza aberta soamente de luns a venres.  A formación entende que o servizo está a deixar de prestarse durante os días que máis se precisa.

Por outra banda, EQUO A Coruña e Bisbarra critica a falta de racionalidade na xestión dos recursos económicos xa que a Xunta si inviste en actividades que teñen un retorno máis que cuestionable. Un exemplo disto é o vídeo Noche y Día de Enrique Iglesias polo cal o goberno autonómico pagou 302.500 euros a Universal Music Spain por 40 segundos de promoción.

“Trátase da única oficina da Coruña que dá información da comarca e do resto de Galicia. Polo tanto, os turistas que cheguen á cidade unicamente poderán recibir información relativa a esta xa que a oficina de turismo municipal si permanece aberta”, sinala a co-voceira de EQUO na bisbarra, Ana Tomé.

A formación considera “incrible” que Turgalicia non poida atopar algunha solución para poder prestar este tipo de servizos aos visitantes durante o sábado e o domingo: “Non entendemos que este servizo peche as súas portas a fin de semana, obviando que moitos turistas se desprazan precisamente eses días. Cremos que facendo isto, desaprovéitanse as sinerxias que poderían xerarse e pérdense oportunidades para promocionar o turismo no resto da comarca”, explica Ana Tomé.

Do mesmo xeito, EQUO A Coruña e Bisbarra lamenta que a Xunta desatenda os servizos básicos para o visitante. “Desde EQUO, cremos que Turgalicia debería priorizar a contratación de persoal e racionalizar o uso dos seus recursos económicos, evitando as inversións publicitarias rechamantes pero pouco efectivas”, apunta a co-voceira.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Oficina de información turística de TURGALICIA, nos Xardíns de Méndez Núñez.