EQUO A Coruña rexeita o proxecto de construción do polígono das Percebeiras

O novo proxecto aprobado polo Goberno local para o polígono das Percebeiras, en Labañou, afástase do modelo de cidade sostible que queremos para A Coruña.

Como partido verde que somos, pensamos que o futuro non debe pasar por masificar máis os barrios a expensas de determinados intereses privados, senón aumentar os espazos verdes e de recreo que melloren a calidade de vida á vez que contribúan á mellora do medio ambiente. O aumento da densidade urbana provoca máis contaminación e afástanos dos obxectivos de loita contra o cambio climático.

O desenvolvemento urbanístico da cidade debe ir en sentido contrario; debe ir cara á protección e conservación dos escasos espazos naturais non construídos que aínda existen no núcleo urbano. O feito de que o proxecto contemple a construción de edificios de ata 13 plantas a escasos metros do litoral, supón unha nova degradación do territorio.

Desde EQUO A Coruña rexeitamos o proxecto aprobado polo Concello e apoiamos as alternativas que propón a asociación de veciños de Labañou, como pode ser a permuta por parte do Concello destes terreos por outros no polígono de Xuxán. A cambio gañaríase un espazo de esparexemento para os veciños da zona, así como unha nova zona verde integrada na trama urbana.

Por unha Coruña máis VERDE, dicimos NON ao polígono das Percebeiras.

Deixa unha resposta