EQUO A Coruña reuniuse coa “Marea Atlántica” e valora positivamente esta iniciativa cidadá

EQUO A Coruña reuniuse este mércores 27 de agosto con membros da iniciativa “Marea Atlántica”, coa cal se pretende desenvolver unha candidatura que devolva aos cidadáns coruñeses unha cidade máis xusta e solidaria, contando tamén coa confluencia de distintos axentes políticos e sociais da cidade.

O encontro desenvolveuse con gran entendemento entre ambas partes. Dende EQUO A Coruña destácase o ilusionante do proxecto e a boa sintonía que del se desprende, dados os puntos en común atopados, como a transparencia necesaria do proceso e a participación cidadá como eixo fundamental. Este proxecto, no cal están a xurdir múltiples mareas ou grupos, ben nos diversos barrios ou ben temáticas, será estudado de cerca e contará coa participación dalgúns dos membros de EQUO A Coruña, nun proceso bidireccional de aprendizaxe, formación e ilusión.

Os membros de EQUO A Coruña e da iniciativa “Marea Atlántica” intercambiaron tamén as súas opinións e puntos de vista sobre a situación da cidade, o futuro da marea e os pasos que esta deberá seguir, coincidindo en que a prioridade non son as siglas, senón desenvolver un traballo conxunto de suma que logre o obxectivo común dunha cidade que realmente represente ás persoas que a habitan e, por suposto, sexa máis xusta e ecolóxica.

Así mesmo, EQUO A Coruña espera que os interrogantes que aínda rodean certos aspectos e posicionamentos do proxecto vaian despexándose nas próximas semanas co devir das mareas e a evolución natural da iniciativa.

jh8KIkBF_400x400