Dende EQUO A Coruña e Bisbarra queremos amosar a nosa máis profunda ledicia e total acordo coa decisión do Goberno Local da Coruña de suprimir as axudas económicas ás touradas, tal e como Marea Atlántica prometera no seu programa electoral.
Como non podía ser doutro xeito, manifestamos o noso total rexeitamento a toda práctica que supoña o gratuíto maltrato dos animais. Na nosa opinión, a decisión tomada polo Concello amosa un compromiso cun modelo de sociedade que non pode gozar con prácticas vexatorias a ningún ser vivo. Cremos tamén que, pese á contía da indemnización, a supresión das axudas a este “espectáculo” vai aforrar unha nada desprezable suma ao consistorio.
Esperamos pois que esta iniciativa poida supoñer un avance cara a unha Galicia, unha España e unha Europa libres deste tipo de prácticas que algúns cualifican de «deporte», «arte» ou «cultura» e que, para nós, son soamente torturas a outro ser vivo.
Tampouco queremos esquecer a todas as persoas e colectivos que, coa súa loita e traballo, levan moito tempo adicándose a espallar, tanto a nivel social como político, o rexeitamento a toda práctica que supoña maltrato animal. Reiteramos os nosos parabéns a todos eles e salientamos neste sentido o traballo da plataforma Galicia mellor sen touradas, a asociación animalista Libera e a fundación Franz Weber.