EQUO A Coruña mostrou en Febreiro de 2013 o seu total rexeitamento a este tipo de explotacións a ceo aberto, da que só van obter beneficio uns poucos a costa do prexuízo da inmensa maioría e denunciou a presión que sobre os veciños de Corcoesto exerceu a multinacional canadiense Edgewater a través de Mineira de Corcoesto, para forzar a venda dos terreos coa amenaza de seren expropiados.
Os numerosos prexuízos ambientais que suporía esta explotación están absolutamente constatados por estudos realizados en explotacións similares en diferentes lugares do mundo. Ademais doutras sustancias altamente perigosas, a explotación ía supoñer o uso de máis de 400 tn de cianuro de sodio anuais. Isto repercutiría de forma moi grave tanto nos seres vivos como nos medios terrestre, aéreo e nas augas subterráneas, repercutindo na calidade de vida das persoas da comarca.
EQUO A Coruña felicita ás Plataformas “Salvemos Cabana” e “Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños” polo traballo feito en defensa do seu entorno e a loita polo desenvolvemento sustentable.
Dende EQUO apostamos polo investimento en nichos de emprego emerxentes que constitúan unha alternativa real, un modelo máis xusto, sustentable e saudable en sectores como a agricultura ecolóxica, a pesca responsable, as enerxías renovables, a mobilidade sustentable, a produción industrial de baixo impacto, o turismo respectuoso coa biodiversidade, a recuperación de residuos, a rehabilitación urbanística etc.