EQUO A Coruña, ante o anuncio da empresa General Dynamics de pechar a súa actividade o 30 de abril, quere expresar a súa oposición a este peche sen alternativa para os 172 traballadores.
O peche de Santa Bárbara ten dúas vertentes. Por un lado, a positiva de que se remate cunha actividade execrable que lucra a uns poucos a cambio de promover a violencia e favorecer as guerras. Por outro, a negativa, que fala das persoas que quedan sen o seu posto de traballo e, en moitos casos, sen forma de subsistencia.
Neste país, no que se veñen a perder empregos a un ritmo desproporcionado debido, entre outras cousas, á promoción da actividade especulativa en lugar de basear a nosa economía na actividade produtiva, EQUO defende unha modificación desta tendencia cara a utilización dos recursos que temos dunha maneira que xere riqueza non só para uns poucos, senón para o conxunto da cidadanía.
Nesta liña, EQUO A Coruña defende a reconversión de Santa Bárbara noutro tipo de actividade que promova a actividade industrial en consonancia co medio ambiente, xa que a xestión dos procesos industriais debe facerse introducindo criterios ecolóxicos que teñan como consecuencia unha sostibilidade real da actividade produtiva.
Con este obxectivo, EQUO A Coruña espera que as autoridades correspondentes, neste caso o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, tomen cartas no asunto e, mediante os mecanismos adecuados, planifiquen unha adecuada reconversión da fábrica de armas que impida a perda de máis postos de traballo.