En recordo de Ánxel Vila, patrón do Xurelo

O pasado luns 12 de decembro falecía Ánxel Vila, o que foi patrón do Xurelo, o barco que en setembro de 1981 e 82 se convertiu en símbolo da loita contra os verquidos radioactivos no mar frente as costas galegas.

Moitos e moitas temos grabadas as imaxes das zodiacs do Sirius baixo os bidóns e das 10.000 persoas que  recibiron á expedición no porto de Vigo na que fora a maior manifestación xamáis vista na nosa terra por unha reivindicación medioambiental (tristemente anos despois o Prestige superouna).

Era complicado nese setembro do 81 atopar un barco e un patrón co “valor” de embarcar a un grupiño de ecoloxistas e algúns políticos tan ilusionados como absolutamente inexpertos en asuntos mariñeiros e partir a 300 millas da costa. Ánxel Vila tivo ese valor.

Pero aquela épica loita ecoloxista na Fosa Atlántica foi determinante para que no ano 1985 esa práctica de verquidos no mar fora finalmente proibida.

Ánxel Vila foi un exemplo, seguramente sin pretendelo, de comprometido ecoloxista pero sobre todo dun mariñeiro que supo “amar á mar”.

Todas as persoas que seguimos loitando pola defensa da vida e da paz temos unha débeda impagable con persoas como Ánxel. Descanse en paz frente ao mar que tanto amou, e viceversa.

P.d.- O daquela xa vello palagreiro Xurelo afundiuse en Decembro de 2002 en Ribeira, reflotouse e foi desmantelado.