Debate sobre o futuro do Tren do Norte: Martes 27 de Outubro

O TREN, coas liñas de FEVE e RENFE que percorre o norte de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Castela e León, foi e debe ser un nexo de unión entre poboacións como medio de transporte público, sostible e esencial para vertebrar a actividade social e económica.

Representa a única opción de transporte público para moitas persoas dos municipios rurais afectados. Debido á constante deterioración da calidade do servizo ferroviario, a escasa oferta de horarios existentes anterior á pandemia viuse aínda máis afectada coa escusa do COVID-19, ata chegar a un único tren diario en moitas ocasións. A esta redución das frecuencias hai que engadir o pésimo estado de conservación das vías, cunha alarmante falta de investimentos, suplindo as obras con sinais de limitación de velocidade. Ademais, a falta de tramos para finalizar a electrificación da vía obriga a manter as locomotoras a gasoil nalgunhas zonas, o que conleva un maior custo e contaminación. Así mesmo, a falta de persoal provoca constantes atrasos, transbordos, falta de mantemento, falta de información, etc., redundando todo iso negativamente na prestación do servizo público e sendo a cidadanía a prexudicada por tal situación.

Non entendemos como se desentenden da infraestrutura existente que se pode manter cun modesto investimento en electrificación e acondicionamento. Como tampouco entendemos como se desentenden de toda a poboación que vive nos pobos afectados, non podendo existir comarcas de segunda ou terceira.
«Recomendar» o uso do automóbil como alternativa de transporte en tempos de pandemia supón pechar os ollos aos graves problemas que o coche ocasiona: contaminación, ruído, ocupación abusiva do espazo, perigo, in-eficiencia enerxética…
Para tratar este tema, o vindeiro martes 27 de Outubro ás 18:00 h, representantes das agrupacións territoriais de EQUO de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Castela e León debaterán nun encientro na canle de Youtube de EQUO Cantabria, organizadora do evento. No debate tamén contaremos coa participación da nosa covoceira federal e deputada no Congreso, Inés Sabanés.
Por parte de EQUO Galicia, participará o noso candidato á Xunta nas pasadas eleccións autonómicas, Alberto Prieto.
Podédesnos seguir pola canle de Youtube de EQUO Cantabria, en directo ou en diferido. ESPERÁMOSVOS.