A xornada celebrada o venres 19 de Febreiro, abordou en común “modos de transporte que sirvan para mellorar a calidade de vida da cidadanía”.
Daniel Díaz Grandío é membro de EQUO e concelleiro de Mobilidade Sostible do concello da Coruña.
O II Encontro de Mobilidade Sostible de Madrid, congregou a representantes municipais e persoal técnico da Coruña, Barcelona, Badalona, Valencia, Santiago de Compostela, Zaragoza, Oviedo, Pamplona, Cádiz e a propia Madrid e que aspira a abrirse a máis concellos, serviu para poñer a andar grupos de traballo de materias como a creación de ordenanzas comúns.
A iniciativa, que xurde coa aspiración de abrirse a todos aqueles concellos que compartan o obxectivo dun cambio de mobilidade, serviu tamén, en palabras do responsable municipal, para crear redes de apoio e avanzar na colaboración naquelas accións “dirixidas a fomentar modos sostibles de transporte como mecanismo para mellorar a calidade de vida da cidadanía”. A este fin, durante as sesións creáronse unha serie de grupos de traballo nos que abordar materias como a creación de ordenanzas comúns neste eido.
Entre os compromisos acadados, os e as participantes coincidiron en situar “entre as máximas prioridades dos concellos a consecución dun modelo de mobilidade que aposte decididamente pola redución do uso do vehículo privado e a promoción do transporte público, a bicicleta e os desprazamentos peonís”, tal e como deixaron plasmado nun documento conxunto, no que os e as representantes municipais concordan tamén en reclamar ao resto de administracións, en especial á do Estado central, “que se sumen a esta aposta e realicen os esforzos lexislativos, políticos e
orzamentarios que merece un dereito que afecta á vida cotiá da cidadanía”.
Tal e como salienta Daniel Díaz Grandío, durante as sesións de traballo desta mañá puxéronse sobre a mesa cuestións como o impacto que ten a mobilidade dunha cidade na calidade de vida da súa veciñanza e o seu papel fundamental nas posibilidades de acceso desta ás actividades diarias e ao traballo, e avogouse por un modelo “capaz de responder ás necesidades da maioría: eficaz, barato, socialmente inclusivo, que respecte a saúde e a habitabilidade dos barrios”. “O modelo de mobilidade actual non proporciona resposta axeitada aos e ás habitantes das nosas cidades e non garante a igualdade de oportunidades, nin que a cidadanía teña o mesmo acceso a un espazo público de calidade”, recolle o documento elaborado, no que se fai unha aposta por outro forma de mobilidade que promocione un modo de transporte non motorizado, máis barato, e con impulso das tarificacións sociais do transporte público, para enfrontar a desigualdade e diminuír a fenda social.
Entre os compromisos adoptados no encontro está tamén a redución das emisións contaminantes e o ruído, a aposta polos desprazamentos non motorizados como xeito de reducir a dependencia ao petróleo do modelo actual ou a xeración de novos espazos seguros, que permitan a persoas maiores ou con mobilidade reducida, e nenos e nenas facer uso do espazo público e desprazarse de xeito autónomo. Por último, o documento asinado avoga polo “urbanismo de proximidade” como fórmula para avanzar cara a unha mobilidade máis sostible.