Concentracións en apoio ao Tren convencional

O venres 22 de outubro celebraranse concentracións nas estacións da Coruña e Vigo en apoio ao tren convencional. VERDES EQUO Galicia, membro da Plataforma en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas, apoia e participará nas concentracións.

O lema das concentracións, “Por un tren que vertebre o territorio e arrefríe o planeta”  concorda ao 100% coa nosa visión do que debe ser o tren como medio de transporte sostible. Un tren que vertebre o territorio, un tren que dea servizo á poboación rural á vez que sirva para os desprazamentos cotiáns nas cidades. Un tren que sexa unha alternativa cómoda, a prezos alcanzables e de servizo público. Un tren que sexa unha alternativa real ao vehículo privado.

Vivimos no paradoxo de ter a infraestrutura xa construída, pero que por falta de atención, melloras e mantemento, está a deixarse morrer. Liñas de tren de máis de cen anos que apenas recibiron investimentos para prestar un servizo do século XXI. Liñas como a de A Coruña-Ferrol, que pode dar un servizo tremendamente útil a unha poboación de máis de 300.000 habitantes. Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que non conta con ningunha liña de proximidade.

Outra das liñas que tamén sofre o esquecemento é a liña do Miño, entre Vigo e Ourense. Non só a falta de investimentos, senón tamén a eliminación de frecuencias. Na actualidade, tan só un tren ao día realiza paradas nas diversas estacións desta liña
A liña A Coruña-Lugo tamén sufriu unha redución de frecuencias, o que a hai pouco útil para desprazamentos cotiáns.

A antiga FEVE, a liña Ferrol-Ribadeo, é unha infraestrutura totalmente desaproveitada. Esta liña vén sufrindo nos últimos anos un progresivo abandono con falta de persoal e avarías constantes nos vehículos, o que pbliga a facer incómodos traslados en autobús.

Neste ano 2021, Ano Europeo do Ferrocarril, desde VERDES EQUO Galicia demandamos un cambio de rumbo nas políticas de transporte ferroviario. O ferrocarril convencional, o que une pobos e cidades, o que permite desprazarse a diario ao traballo, aos centros escolares, sanitarios, etc. debe recibir a atención que necesita. Non debemos deixar morrer un tren que é un medio de transporte sostible, que xa está adaptado ao territorio e que melloraría a nosa calidade de vida.
Vémonos o venres 22 nas estacións da Coruña e Vigo.
Necesitamos un tren que vertebre o territorio e arrefríe o planeta !