Comunicado conxunto sobre o “Anteproyecto de Ley de racionalización y Sostenibilidad de Administración Local”.

O día 1 de setembro do 2012 reuníronse en Compostela representantes dos partidos políticos Anova-Irmandade Nacionalista, EQUO, Nós-Unidade Popular e Partido da Terra, coa intención de analizar conxuntamente o grave atentando que supón o “Anteproyecto de Ley de racionalización y Sostenibilidad da Admistración Local” para a realización do recoñecemento da personalidade xurídica da parroquia rural así como para a continuidade das fórmulas de democracia directa prevista da Lei de Bases do Réxime Local.

O “Informe sobre el Anteproyecto de Ley de racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local“, discutido polo Consello de Ministros no mes de xullo, e en cuxo borrador se propón a modificación do artigo º 45 da Lei 7/1985, do dous de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, vai encamiñado a imposibilitar que as entidades de ámbito territorial inferior ao municipio poidan dotarse de personalidade xurídica e a eliminar a continuidade do “concello aberto” como fórmula de democracia directa. A súa aprobación anulará a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para “recoñecer personalidade xurídica á parroquia rural” como entidade local propia (contemplada nos Art º 27.2 e 40.3 do Estatuto de Autonomía).

As organizacións políticas que asinan este comunicado cuestionan a validez da articulación administrativa de Galicia en municipios e provincias e reclaman o dereito das comunidades, parroquias rurais e barrios urbanos, a articular fórmulas de autogoberno que fomenten a participación política, a maximización dos recursos e a autoxestión. Reivindican a figura da comarca como marco lóxico e natural para o desenvolvemento de servizos públicos intercomunitarios, suxerindo, no marco do actual debate sobre a fusión de municipios, unha reformulación integral da administración, que articule as lóxicas de democracia directa en barrios e parroquias, o establecemento de organismos comarcais para a xestión de servizos mancomunados e a supresión definitiva das deputacións provinciais.

As forzas asinantes manifestan a súa vontade de integrar unha fronte común para a defensa das fórmulas de autogoberno popular en parroquias e barrios e promover un amplo debate social sobre a necesidade dunha reordenación territorial e administrativa que fagan posible non só a participación política directa senón tamén unha xestión efectiva e transparente das institucións políticas ea administración. Por iso, promoverán accións políticas, sociais, xurídicas e administravas para dar unha contestación contundente e iniciar un verdadeiro proceso de desenvolvemento da parroquia, do barrio e dos concellos comarcais como entidades xurídicas propias, procedendo así co desenvolvemento das previsións estatutarias que ata o de agora ficaron practicamente ignoradas.

Compostela, 1 de setembro de 2012

 Anova-Irmandade Nacionalista – EQUO – Nós-Unidade Popular – Partido da Terra