O partido político critica que as instalacións agrarias (galpóns ou invernadoiros) teñan agora que tributar o IBI
A formación da Ecoloxía Política sostén que esta política vai totalmente contra o estímulo que o agro galego precisa
Gastos extra excesivos para os sectores máis febles e ataque a un rural xa deprimido dabondo. Estas son algunhas das conclusións que o co-voceiro de EQUO Galicia, Néstor Vázquez, tira das medidas levadas a cabo por Facenda e calificadas popularmente como “catastrazo”.
“Lembremos que instalacións como galpóns, invernadoiros ou naves agrarias estaban libres do imposto de bens inmobles. A partir de agora estarán gravadas con entre o 0,3 ou 0,9% anual do prezo de valoración, e cada concello vai decidir o tipo impositivo final” lembrou Néstor Vázquez.
Do mesmo xeito, o co-voceiro da formación política insta aos concellos para que apliquen os mínimos legais posibles, pois EQUO Galicia teme que estas medidas, co custo extra que supoñen, poidan pór en perigo a continuidade de explotacións no agro galego e afectar a moitas persoas que se autofornecen.
“Faremos todo o que estea na nosa man por botar abaixo estas políticas xa que as consideramos moi inxustas e pensamos que esta non é a medida máis axeitada para sanear as contas do noso goberno” afirmou Néstor Vázquez. O co-voceiro afirmou que EQUO Galicia non ten problema algún en que se inspeccionen as novas construcións ou ampliacións que vaian en contra dos PXOMs pero, se o que o goberno tenta é recadar cartos, existen outras vías non controladas como as fugas de capitais, os tributos ás grandes fortunas, as eliminacións das SICAV ou, xa en xeral, a reforma dun sistema fiscal que está a beneficiar ás grandes empresas e poñendo a maior parte do peso impositivo nas persoas do común.
A formación política considera que estas poden ser vías máis beneficiosas para o ben común e rexeita facer sangue, unha vez máis, nos máis febles, como a xente que traballa nos sectores primarios e que xa está a ter problemas abondo para chegar a fin de mes e continuar coas súas actividades.
Unha vez máis EQUO Galicia lembra que o agro é un sector especialmente importante na xeración de emprego verde e que as solucións que precisa teñen que ser propositivas e non engadir novos problemas. A formación engade que o futuro do rural depende de que os seus habitantes creen oportunidades de negocio. Este será o único xeito de deter o despoboamento que, sen dubida, se potenciará con este tipo de medidas propostas pola Xunta de Galicia.