Campaña de recollida de alimentos na UDC

A crise económica está afectando cada vez a máis poboación. Cada vez son máis as persoas que non poden chegar a fin de mes e os que non teñen cubertas as súas necesidades básicas como o aloxamento, a alimentación diaria ou a roupa. Segundo os datos da F.A.O, na provincia da Coruña existen unhas 30.000 persoas en situación de grave dificultade para alimentarse cada día. Para contribuír ao decrecemento desta situación, a Oficina de Cooperación e Voluntariado e a Oficina de Medio Ambiente da UDC, en colaboración co Banco de Alimentos Rías Altas, levarán a cabo unha campaña solidaria de recollida de alimentos para as persoas máis desfavorecidas da provincia da Coruña.

Dende o pasado día 22 de abril ate o día 9 de maio, nas cafeterías de todas as facultades dos campus de Elviña e Zapateira , porase a disposición de toda a comunidade universitaria un espazo adicado á recollida de alimentos non perecedeiros (leite, galletas, café, cacao, pastas, azúcar, conservas, aceite, sal, legumes e cereais). Os bolseiros da Oficina de Medio Ambiente e da Oficina de Cooperación e Voluntariado serán as persoas encargadas de facer o mantemento destes espazos.

Esta iniciativa pretende fomentar a sensibilización da comunidade universitaria nestes momentos de maior dificultade, non só buscando a solidariedade entre o estudantado, senón tamén facéndolles botar unha ollada crítica sobre a situación actual da nosa sociedade, onde cada vez existen máis persoas ao noso redor que teñen serias dificultades para sobrelevar o día a día.

10269614_644920445580127_3033919098007605832_n