Daniel Díaz Grandío, Concelleiro de Mobilidade Sostible, presentou os cambios que trae aparellados o novo uso da zona.
O concelleiro membro de EQUO, presentou na mañá do 5 de Abril os cambios que suporá para o tránsito a apertura do túnel do Parrote –operativo desde finais do pasado mes de marzo– e as conseguintes restricións para o tráfico na superficie da Mariña, modificacións que, como indicou o responsable municipal, comezarán a aplicarse a partir do venres 8 de Abril e servirán “para recuperar para o peón espazos nunha das zonas máis simbólicas da cidade e relega o coche en favor doutro tipo de mobilidade, priorizando os movementos peonís e a bicicleta respecto aos do transporte privado”. Como avanzou o concelleiro, estes cambios traerán tamén aparelladas melloras na circulación da Cidade Vella, onde tamén nos próximos días realizaranse modificacións para o tránsito rodado, como son o cambio de sentido das rúas Nuestra Señora del Rosario e Campo da Estrada e a redución a un só sentido de circulación nunha parte da rúa Maestranza, que “repercutirán positivamente na mobilidade da veciñanza e habilitará prazas de aparcamento nunha zona necesitada destes espazos”.
A “nova concepción dos usos da Mariña” trae aparellada unha serie de medidas restritivas ao tráfico que, como explicou Grandío, artéllanse sobre tres filtros específicos para o coche privado, que se delimitarán con sinalización vertical e horizontal e que deixarán unha zona de máxima restrición, entre a Autoridade Portuaria e a rúa Tabernas, onde unicamente poderá circular en superficie o transporte público –no que se inclúen buses urbanos e taxis– e buses turísticos. Esta primeira zona estará delimitada con sinais na Autoridade Portuaria, coa rotonda provisional que funciona desde o pasado verán e que, como adiantou Díaz Grandío, “vaise consolidar, co tempo”, posto que dá servizo cunha triple función: permitir a saída de vehículos que cheguen ao límite da circulación, manter operativa a saída do parking soterrado á altura do Teatro Colón e evitar que o edificio de Correos “sexa utilizado a modo de rotonda polos coches privados”, de maneira que se poida ir suprimindo o uso destes vehículos na zona en favor dunha mobilidade máis vinculada á cidadanía. O segundo filtro, como expuxo, situarase á altura dos xardíns de San Carlos, e permitirá o acceso tanto ao transporte público como a residentes na Cidade Vella e clientela e servizo do hotel Finisterre. En canto ao terceiro, colocarase na saída da Dársena, á altura da rúa Tabernas, para permitir o movemento dos buses e taxis, e reisdentes co vados ou
garaxes no paseo da Dársena. Como puntualizou, as actividades de carga e descarga autorizadas manteranse no horario vixente, nos días laborables entre as 06.00 e as 11.00 horas.
Tal e como salientou o responsable municipal, os cambios na circulación estarán indicados mediante sinalización vertical e horizontal, que estará operativa o venres, e acompañarase cun reforzo informativo nos paneis electrónicos, tanto municipais como da Dirección Xeral de Tráfico, medidas que servirán para axudar na “adaptación dos e das usuarias” ao novos usos. Estes, subliñou Díaz Grandío, non afectarán ás liñas do bus urbano, que seguirán mantendo os seus percorridos pola superficie da Mariña.
En relación coa Cidade Vella, o concelleiro de Mobilidade Sostible sinalou que os cambios completan a actuación desenvolvidas polo Goberno local a raíz de que o Ministerio de Defensa deshabilitase para o uso as tres parcelas da Maestranza, e que comezaron coa dotación de novos espazos de estacionamento no Paseo Marítimo, no carril pegado á Hípica e coa reordenación do aparcadoiro de Cruz Vermella na Maestranza, que permitiu gañar un importante número de prazas. A terceira das actuacións, informou hoxe Díaz Grandío, implica a reorganización da rúa Maestranza, que restrinxirá un dos sentidos nun dos seus tramos e implicará os cambios de sentido das rúas Nuestra Señora del Rosario –que pasará a ser de baixada– e Campo da Estrada para “mellorar o tránsito interno na Cidade Vella”, tal e como se abordou no día de onte nunha reunión coa veciñanza. Como tamén comentou o edil de Mobilidade Sostible, os cambios na circulación da Mariña suporán ademais unha reforma na parada de taxis de Porta Real, que pasará a ubicarse no Paseo da Dársena, coa cabeceira en sentido de saída da cidade. Tamén, a saída do aparcadoiro soterrado de Porta Real sufrirá modificacións, e verá “minimizado o seu uso neste acceso”, xa que terá saída obrigatoria cara ao Parrote.