As labregas volven ser as máis prexudicadas

As pequenas labregas volven ser as máis prexudicadas. Durante os últimos días vimos de ver con asombro os cambios constantes do delegado do Goberno en Galicia sobre a posibilidade de abrir os mercados de proximidade na nosa comunidade. En principio non, despois de protestas si, mañá… xa veremos.

Por unha banda o goberno central mira para calquera lado menos para o sector produtivo e, se ben é certo que Medio Rural quixo abrir este tipo de feiras, esta conselleiría ven de realizar unha campaña, como pouco, desafortunada onde lle dedica publicidade gratuíta ás grandes distribuidoras de alimentos apropiándose do nome dos sistemas tradicionais de distribución en Galicia.

Porque un supermercado non é un feirón. Non por ter grandes espazos en Galicia están pensando no benestar das labregas xa que, mentres o prezo en destino do produto fresco non fixo máis que aumentar, os pagos ás produtoras están conxelados.
Os gobernos estatal e autonómico danlle as costas unha e outra vez ao rural. Son as persoas produtoras as que fan que o resto poidamos comer a diario. Non nos esquezamos, sen o seu traballo morreríamos de fame.

Precisamos que as políticas se orienten cara a este sector e que, os cartos que se poidan destinar á difusión, sexan para eles, non para as grandes distribuidoras que están sacando enormes beneficios estes días a costa de consumidores e traballadores do agro.