Arias Cañete, Comisario de Acción Climática e Enerxía

Finalmente, a pesar da presión de campañas como a de #STOPCañete promovida por EQUO, as Comisións de Industria e Medio Ambiente apoian a Árias Cañete como o próximo Comisario de Acción Climática e Enerxía, cun resultado na elección de 77 votos a favor, 48 en contra e 3 abstencións.

Na opinión de Florent Marcellesi,  voceiro de EQUO no Parlamento Europeo, membro de Primavera Europea, e un dos principais promotores da campaña contra o nomeamento de Cañete: «Este resultado foi posible polo apoio dos socialdemócratas e dos liberais. É un triunfo da vella política de corredores. En particular, nun espectáculo lamentable, o grupo socialista europeo puxo os seus intereses partidistas por riba do seu compromiso coa transparencia e cunha Europa limpa. Deséxolles moita sorte aos socialistas para explicar a súa decisión á cidadanía.»

Agora o ‘Caso Cañete’ é unha auténtica bomba de reloxería para a Comisión Europea e para o propio Juncker. Quedou claramente demostrada a falta de independencia de Arias Cañete, que mentiu ao propio Parlamento ao negar ‘con contundencia’ a súa implicación en negocios en paraísos fiscais ou a existencia dunha rede empresarial familiar que controla a varias petroleras. Antes ou despois, o seu caso volverá enriba da mesa e teremos que esixir responsabilidades políticas por este caso.

Para EQUO e Os Verdes Europeos, Árias Cañete non ten credibilidade algunha nin, moito menos, lexitimidade para ser Comisario de Enerxía e Acción Climática. Podemos afirmar que as súas decisións e accións estarán baixo o noso continuo e máis severo escrutinio.

Desde EQUO queremos agradecer a toda a cidadanía que se mobilizou, xunto cos Verdes Europeos e outras forzas políticas, para mandar unha mensaxe clara aos mandamases da UE a través da campaña #STOPCañete, que logrou a adhesión de máis de 570,000 sinaturas.

O simple feito de que o ‘Caso Cañete’ trascendera as portas do Parlamento Europeo e se convertera nun problema de opinión pública paneuropeo pode considerarse un pequeno éxito cidadán e dos partidos e grupos ecoloxistas. Frente á Europa dos lobbies, hai unha cidadanía que esixe ética e transparencia. O noso labor en Europa non fixo máis que comezar.