Aprobada no Pleno Municipal da Coruña a moción que esixe a creación do tren de proximidade

A moción foi presentada polo concelleiro de Mobilidade Sostible e membro de EQUO, Daniel Díaz.

 

O grupo municipal de MAREA ATLÁNTICA presentou a moción a petición da “Plataforma en Defensa do Tren da Coruña e as Mariñas”, á que EQUO A Coruña apoia. A moción reclama a creación “dun auténtico ferrocarril público que garanta a mobilidade en toda a comarca”.

A moción presentada polo grupo da Marea Atlántica recollía a demanda da Plataforma para reclamarlle ao Goberno do Estado que saia elixido tras as eleccións do 26 de xuño que faga o investimento necesario “para crear un auténtico ferrocarril público que garanta a mobilidade en toda a comarca”.

Defendeuna o concelleiro de Mobilidade Sostible e membro de EQUO, Daniel Díaz Grandío, quen lembrou que “é necesario apostar fortemente polo transporte público, xa que o modelo do coche privado é insostible”. Neste sentido, asegurou que o tren de proximidade é un dos xeitos “máis eficientes no económico e no ambiental” de contar cunha rede de transporte que ofreza unha alternativa clara ao vehículo particular.

A moción foi aprobada cos votos a favor do BNG, PSOE e Marea Atlántica. O Partido Popular ausentouse do pleno xusto cando a Marea Atlántica ía presentar a proposta.