Aprobada na Deputación Provincial a moción que esixe a creación do tren de proximidade

A moción foi defendida por Marea Atlántica en representación da “Plataforma en Defensa do Tren da Coruña e as Mariñas”, á que EQUO A Coruña apoia.

O pleno de Maio na Deputación Provincial aprobou por unanimidade a moción que demanda un ferrocarril público e social, así como a creación dunha liña de proximidade no eixo A Coruña-Ferrol.

Na presentación da moción no Pazo Provincial estiveron varios membros da Plataforma, entreles o representante de EQUO, Emilio J. Padrón.

mocion-dipu-tren

TEXTO DA MOCIÓN:

MOCIÓN AO PLENO DA DEPUTACIÓN PROVINCIÁL DE A CORUÑA

A Plataforma en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas é un colectivo conformado por AA.VV., Organizacións Políticas, Sindicais e Movementos sociais unidos e comprometidos coa defensa dun transporte público e social como é o ferrocarril.

A Plataforma Pola Defensa do Ferrocarril diríxese ao grupo Marea Atlántica para presentar esta moción no vindeiro Pleno da Deputación Provincial coa intención da súa aprobación previa deliberación.

Exposición de motivos:

Nos últimos anos, o desenvolvemento da cidade e a bisbarra favoreceu dun xeito esaxerado o uso do transporte privado en detrimento do público, o cal desembocou nun tipo de urbanismo totalmente insostible no que se construíron muros de formigón e asfalto que rodean os principais núcleos de poboación. O vehículo privado asobállao todo e só na cidade da Coruña entran preto de 150 mil vehículos diarios, provocando unha morea de coches que invaden beirarrúas, prazas e outras zonas peonís. Os atascos son continuos nas principais vías da bisbarra e os niveis de contaminación increméntanse en concordancia co número de vehículos.

Desde a Plataforma pola Defensa do Tren A Coruña – As Mariñas, pensamos que o modelo do vehículo privado é totalmente insostible e apostamos polo fomento do transporte público colectivo, o único xeito de reducir o número de vehículos que entran na cidade da Coruña ou que circulan pola comarca. O noso colectivo considera que o tren de proximidade é a mellor alternativa para a redución de vehículos privados, con parte das infraestruturas feitas e unha rede que podería chegar ata Ferrol, Ribadeo e Lugo, comunicando todas as localidades que se atopan no camiño.

Así mesmo, consideramos que o traspaso ao ferrocarril das mercadorías transportadas por estrada, alí onde sexa posible, posibilitaría o desbloqueo do colapso físico, de consumo enerxético e degradación ambiental que provoca, así como un aforro que non se adoita computar cando se fala da rendibilidade do tren.

Proposta de acordo:

Reclamamos ao pleno da Deputación Provincial que demande ante Xunta de Galicia e Fomento, a creación dun servizo público de tren de proximidade entre A Coruña e Ferrol que amplíe horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendible e economicamente viable como único xeito de consolidar unha liña actualmente ameazada e que debera dar un servizo de calidade a zonas densamente poboadas como O Burgo, Cambre, Betanzos, Pontedeume, etc.

Débense realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados, construción de novos apeadeiros, modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, etc.), aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas.

Pedimos que se acometan melloras no servizo A Coruña-Lugo de xeito que dea servizo e conexión das cidades coas localidades interiores para acadar a máxima vertebración posible e rendemento económico e social para localidades como Oza, Cesuras, Baamonde, Rábade, Parga, Guitiriz, etc., e non simplemente un modelo que só contemple a conexión entre as cidades.

Reclamamos a anulación das medidas adoptadas polo goberno no Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia de xunio de 2013 que conduciu á eliminación total de servizos nalgunhas estacións (p.ex. Franza, Begonte) ou á súa drástica redución ata o punto de supor a súa inutilidade práctica nas liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo, con parada na maioría das estacións dun só tren por sentido ao día.

Esiximos a derrogación dos RDL 22/2012, 4/2013 e 15/2013, que posibilitan a fragmentación de RENFE en catro sociedades anónimas e ADIF en dúas empresas e a desaparición da participación pública en numerosas empresas do sector. A planificación e o servizo ferroviario deben ser unha unidade integrada que responda da infraestrutura, do transporte, do mantemento e do seu patrimonio de xeito que permita a súa viabilidade e a súa vocación de servizo público.

Pedimos aos concellos implicados que tomen unha posición activa, e común, a prol dun tren de proximidade para esixir que o implanten o antes posible. Consideramos que a solución do tráfico da comarca non se pode solventar sen a implantación dun tren de proximidade, e cremos que coa unidade de todos os concellos afectados o tren de proximidade será unha realidade. Animamos aos concellos que unan forzas e fagan súas as reivindicacións da Plataforma pola Defensa do Tren a Coruña e As Mariñas.

En A Coruña a 10 de maio de 2016

Asinado

Alberto Díaz Ruíz, voceiro da Plataforma en Defensa do Tren A Coruña – As Mariñas