AGE esixe a convocatoria de eleccións logo de saír á luz pública o financiamento ilegal do PP galego

AGE

Alternativa Galega de Esquerda, a coalición participada por EQUO Galicia, denuncia “o tempo de corrupción e de desfeita cultural e económica” en que se atopa Galicia
A ignominiosa Cidade da Cultura de Santiago serviu de fondo para que Alternativa Galega de Esquerda (AGE), pola voz de Xosé Manuel Beiras –portavoz- e Yolanda Díaz –viceportavoz-, esixe a convocatoria inmediata de eleccións ao Parlamento de Galicia. “Neste momento, o Goberno de Núñez está completamente deslexitimado, ten a maioría parlamentaria pero non ten a maioría social”, afirmou Beiras, “e se lles resta un mínimo de dignidade debera convocar eleccións”.
Para Alternativa, non queda outra opción, despois de que a prensa revelase o financiamento ilegal do PP galego contido nos papeis de Bárcenas: en 2006, xa con Núñez como líder, os conservadores ingresaron dous millóns opacos de empresas que logo recibiron contratas públicas. Hoxe mesmo sabíase que grandes construtoras –ACS, FCC, OHL- entregaron donativos ilegais, ocultados polo ex tesoureiro do PP, ao PP do actual presidente da Xunta.

“Xa non serve con comparecencias parlamentarias, que obviamente tamén as solicitamos”, expuxo o portavoz de AGE, “porque nin sequera os electores que apoiaron ao PP en outubro seguen apoiándoo”. A Cámara de representantes do pobo galego atópase secuestrada por unha maioría fraudulenta, sostida por cartos entregados de xeito irregular ao Partido Popular. “Convoquen eleccións e non corran a se agachar nos tobos como ratas”, insistiu Beiras nun monte Gaiás cuxa destrución, e transformación en Cidade da Cultura, foi efectuada por algunha das compañías que realizaron doacións ilegais ao PP galego. “Este arremedo da arquitectura nazi de Nuremberg”, estendeuse o portavoz, “esta barbarie paranoide e megalómana, é un burato negro de cartos que, aínda por riba, serven para financiar ilegalmente o PP”.

Antes de Beiras interveu a viceportavoz da coalición, Yolanda Díaz. Explicou que o grupo parlamentario –presenta ao completo e acompañado de cidadanía crítica e militantes das organizacións que conforman AGE- escollera a Cidade da Cultura para esixir eleccións anticipadas por se tratar dun “lugar simbólico, da desfeita cultural e do modelo económico neoliberal”. “Facémolo ás portas do 25 de Xullo acompañados de xentes que pelexan por cambiar este país”, dixo. Díaz asegurou que Galicia se atopa “nun tempo de corrupción e de financiamento ilegal” e cualificou a Núñez Feijóo de “vasalo do fascismo financeiro, con amizades perigosas con narcos non explicadas”

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA

twitter.com/alternativagz
http://www.facebook.com/AlternativaGalega
http://www.youtube.com/user/HaiAlternativa?feature=mhee