A Xunta insiste en continuar con patróns antiecoloxicos en lugar de repensar a industria

O goberno autonómico non deixa de sorprendernos coas súas ocorrencias, a última é a reanudación da tramitación administrativa dun milleiro de proxectos de grande impacto ambiental aproveitando o estado de alarma. É moi triste comprobar como tenta tratar aos cidadáns galegos con desprezo ao aprobar estas medidas nun momento onde saben que non terán a repercusión mediática que merecería. Por fortuna, en Galicia, temos unha rica rede local de organizacións ecoloxistas combativas que veñen de alertar e denunciar esta situación.
 
Entre estas medidas están as de abrir minas, construír liñas de alta tensión e subestacións eléctricas nun momento onde non poden ser fiscalizadas nin pola cidadanía nin polos demais poderes públicos de Galicia (lembremos que o Parlamento está disolto). Estes proxectos, segundo os parámetros do estado de alarma, só poden aprobarse para garantir o funcionamento básico dos servizos ou os que sexan indispensables para o interese xeral. Para nós é evidente que o único que perseguen é apoiar a grandes empresas facendo unha xogada que só busca unha vitoria persoal.
 
Este sería un moi bo momento para abrir un debate entre todas as persoas e definir o tipo de industria que queremos a partir de agora. Nós apostamos, non só por proxectos de economía verde, que avoguen pola redución do consumo de recursos, tamén polos proxectos máis pequenos, que poidan abastecer a pequenas comunidades ou xestionados por pequenas empresas, cooperativas ou as propias comunidades de forma autoxestionada.
 
Así, entendemos que as pequenas explotacións hidroeléctricas ou eólicas pequenas que permiten un consumo máis próximo, racional e con menos impacto para o medio ambiente son moito máis preferibles aos grandes parques eólicos de grandes empresas xa que, malia que produzan enerxía renovable, recrean patróns de economía depredadora pouco respectuosa cos entornos.
 
Evidentemente o goberno de Núñez Feijóo só pretende sacar un rédito da crise e do tempo extra que lle permite o estado de alarma para prolongar a súa campaña electoral de cara ás vindeiras eleccións, aproveitando unha situación de crise global. Quere vender a súa xestión económica como a salvación cando non é máis que unha aposta polas grandes empresas, o cal, acabará de afogar ao noso país.