A protección dos ecosistemas, a primeira barreira contra as pandemias

Ante esta crise sanitaria propoñemos unha reflexión sobre a nosa relación cos ecosistemas e as consecuencias da súa destrución. Coronavirus, ébola, zika ou SARS serven de exemplos de novas enfermidades coas que nos estamos a enfrontar ultimamente. Todas elas son zoonoses, é dicir, doenzas que foron transmitidas ás persoas por un animal.

Os científicos apuntan a que o coronavirus pode ter orixe nos morcegos e que despois mutou noutros animais. Estes procesos deberían facernos replantexar a nosa relación co resto das especies e dos ecosistemas. A destrución de hábitats naturais fai que a fauna salvaxe entre en contacto coa doméstica, posibilitando así os contaxios dos seus virus, ademáis de acabar coa biodiversidade, que nos fai de escudo protector. Lembremos que actualmente o ser humano está deforestando e estragando espazos naturais de xeito masivo para dedicalos a cultivos de soia ou palma.

Se quebramos os equilibrios existentes, é moi posible que entremos en contacto con virus e bacterias descoñecidas por nós ata ese momento e que o seu potencial infeccioso para o ser humano estivera latente durante moito tempo. A natureza ten as súas propias defensas as cales estamos debilitando. Pensemos que podería ocorrer se se continúa coa destrución do Amazonas ou a Conca do Congo, por exemplo.

Temos tamén que reparar nas relacións con especies animais que nos serven de alimento. Debemos combater a caza, o tráfico e consumo de especies silvestres, máis a resposta non pode ser a gandeiría intensiva xa que non é sostible nin segura. Pensemos que as condicións nas que viven os animais fan que o seu sistema inmune se debilite e sexan vulnerables a este tipo de males e, pola proximidade entre eles e cos humanos, propicie as condicións para dar o salto entre individuos e especies.
Para rematar o círculo, é habitual que o gando intensivo se alimente con pensos elaborados con soia cultivada en moitos casos en terras que antes eran espazos naturais.