O sábado 1 de novembro é o Día mundial do veganismo, día que se adica a difusión do respecto aos animais.
“A carne representa un desbalde de auga e xera moitos gases de efecto invernadoiro. Somete os recursos do mundo a unha enorme presión. Unha dieta vexetariana é mellor”.
Lord Stern, economista e ex-vicepresidente do Banco Mundial
O consumo actual de carne vén sendo un dos excesos medioambientais da nosa sociedade de consumo. A carne de vacún é a de maior pegada ecolóxica.
Son moitos os datos que reflicten que ter como base da nosa alimentación os produtos cárnicos ou procedentes dos animais é un grave erro, non so para a nosa propia saúde, senón tamén para a do noso planeta.
- Na mesma superficie de terra que precisas para producir 1 kg de carne, podes obter no mesmo tempo, 200 kg de tomates ou 160 kg de patacas.
- Para producir 1kg de carne de tenreira necesitarás 16.000 litros de auga.
- Precisas de 7 a 16 kg de cereal ou soia para producir 1 kg de carne.
- Unha persoa podería ducharse a diario durante 1 ano coa mesma cantidade de auga que precisaría para producir tan só 1 kg de carne.
Estes datos abstractos dan unha idea clara de que se investimos os nosos recursos en producir unha alimentación menos dependente dos produtos animais será ao menos moito máis eficiente, aumentando claramente os alimentos aos que teríamos acceso como sociedade. Pero hai datos máis concretos do impacto da cría de gando para o consumo alimenticio no planeta Terra.
- O 40 % de todas as selvas tropicais de América Central foron talladas ou queimadas nos últimos 40 anos, principalmente para obter terreos para pasto e cultivar forraxe.
- O sector gandeiro do Amazonas brasileiro é o maior factor de deforestación do mundo, responsable da perda dun acre cada 8 segundos.
- Máis do 50 % da contaminación das augas en Europa está causada pola cría masiva de gando.
- O 90 % da colleita mundial de soia utilízase como alimento de animais.
Cada vez máis persoas non teñen máis remedio que asumir a existencia da mudanza do clima e a influencia na mesma do ser humano. Até o de agora as grandes culpables do efecto invernadoiro foron a industria e o tráfico, pero cada vez máis a cría de animais asume a súa parte de responsabilidade. Os tres gases causantes do efecto invernadoiro –dióxido de carbono, metano e óxido nitroso– prodúcense a gran escala nas granxas. Soamente a cría de gando vacún mundial é responsable do 12 % das emisións anuais de gas metano. A gandería tamén está implicada na destrución de bosques e na produción da chuvia ácida.
“Para contrarrestar o cambio climático é moi importante realizar cambios no estilo de vida. Un dos cambios de vida potencialmente máis beneficiosos sería cambiar a unha dieta con menos carne e máis vexetariana”.
Rajendra Pachauri, Presidente do Grupo Intergubernamental para o Cambio Climático (IPCC) e gañador do Premio Nobel da Paz
E a todas estas razóns económicas e sobre o uso equilibrado dos recursos dispoñibles, súmanse os Dereitos dos animais. A maior parte da carne que consumimos é “producida” na industria agrogandeira, en granxas intensivas, onde aos animais se lles limita ou nega completamente o contacto coa natureza. Maiormente viven toda a vida amoreados en espazos pechados, convertidos en mercadoría, alimentados de xeito sistemático por alimentos non propios da súa dieta como o millo e a soia transxénica en lugar do pasto, sen capacidade para relacionarse entre eles libremente, sen dereito a camiñar ao seu xeito polos prados.
E agora tócanos a nós. Tócanos asumir que temos a capacidade de cambiar as cousas que até o de agora fixemos mal. Debemos ser conscientes de que unha dieta baseada no consumo de produtos animais é unha agresión directa ao noso planeta e ao futuro da nosa sociedade. Debemos asumir que un dos cambios que temos que dar de cara a un decrecemento sostible é o cambio da nosa dieta cara unha alimentación vexetariana ou vegana.
É o momento de comprometerse!