A Coruña contará a final deste mandato cunha rede de itinerarios ciclistas seis veces maior

O concellerio membro de EQUO, Daniel Díaz, presentou as actuacións da Rede Ciclable.

A Coruña conta na actualidade cunha rede de carril bici de 17,3 quilómetros, constituída por varios tramos que non teñen conexión entre si. Por un lado, un ramal bordea o litoral, dende O Portiño até a Mariña, e polo outro, existe outra conexión que discorre pola Avenida Pablo Picasso e que enlaza co campus universitario de Elviña. A rede compleméntase cos carrís bici da praias de Oza e do parque de San Diego, así como o que acompaña ao novo viario de conexión de Novo Mesoiro. Non obstante, a intención do Goberno local é crear e sinalizar unha rede de itinerarios ciclistas por toda a cidade composta tanto por carrís bicis como por vías de coexistencia. Ademais, entre as actuacións previstas, tamén se atopan as de ampliar a rede de aparcabicis, potenciar o servizo actual de alugueiro de BiciCoruña e fomentar a intermodalidade. O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, explicou este martes, en rolda de prensa, que a intención do seu departamento é que “a final do mandato municipal, a cidade conte cunha rede de itinerarios ciclistas de 107,2 quilómetros”, é dicir, seis veces máis grande que a actual.

En canto ás actuacións máis inmediatas –comenzando as obras despois do verán e rematando no horizonte do próximo ano– atópase o proxecto, en colaboración coa Deputación da Coruña, que achega fondos, de incorporar o carril bici situado dentro da cidade na rede do carril bici metropolitano, creando conexións (de aproximadamente 5,5 quilómetros) cos concellos de Culleredo e Arteixo. Do mesmo xeito, nesta primeira fase tamén se contempla a conexión do carril bici universitario co metropolitano (1,7 quilómetros), para logo continuar co desenvolvemento da rede ciclista, así como coa ampliación das zonas de estacionamento de bicicletas e a ampliación gradual do servizo de BiciCoruña. “Traballamos pensando nun carril bici funcional, seguro, confortable e que conecte centros xeradores de desprazamentos dentro da cidade. O obxectivo é rematar esta primeira fase de implantación cunha rede que supere os 25 kilómetros de carril bici e que conecte a fronte marítima da cidade co campus universitario”, explicou o responsable de Mobilidade Sostible.

dani

Daniel Díaz, Concelleiro de Mobilidade Sostible da Coruña.

Carrís bici e camiños de convivencia peonil

A intención do Goberno local pasa por “artellar unha malla de conexións por toda Coruña onde se poida usar a bicicleta, tanto a través de zonas físicamente diferenciadas como os carrís bici, como a través lugares de convivencia, camiños ou vías ciclables”. “O noso obxectivo é crear unha rede de itinerarios que, máis aló de que poida ser unha rede pasa pasear en bicleta, constitúan unha estrutura funcional, que garanta a seguridade do ciclista no tránsito entre zonas de tráfico acougado e que conecte os barrios da cidade con zonas de interese”, declarou. “A rede á que aspiramos terá algo máis de 105 quilómetros de vías ciclables, formadas por unha mestura tanto de vías ciclista específicas e segregadas do resto da circulación, como sendas ciclables e vías calmadas, onde coexista o tráfico entre bicicleta e peón. A finalidade é sempre potenciar a mobilidade non motorizada, e potenciar o uso deste transporte sustentable, pero sempre facéndoo dun xeito seguro e confortable”, insistiu.

Interconexión cos concellos da área metropolitana

Díaz Grandío explicou que “o tramo comprendido entre a praza de Mina e o parque de San Diego será dotado dun carril bici que estará fisicamente diferenciado”. “Isto será moi positivo, non só para os desprazamentos ciclables senón tamén para mellorar a seguridade dos propios peóns, que xa non terán que compartir a beirarrúa coa bicicleta. Implantaremos un carril bici máis ambicioso que o contemplado no proxecto inicial de conexión entre concellos da Deputación. Un carril bici de verdade, e non unha beirarrúa compartida cos peóns polo lado do porto”, comentou. En concreto, o que se prevé construír nesta primeira fase de actuación, comenzando as obras á volta do verán, é un carril bici por cada un dos sentidos deste tramo, aínda que sen levar a cabo ningunha restricción do tráfico de vehículos. “Non se elimina ningún carril de circulación de turismos, senón que se gaña o espazo cunha reducción do ancho dos carrís de circulación”, aclarou. “Desta forma conseguimos esa continuidade co carril bici do parque de San Diego e do barrio do Castrillón, tan solicitada pola veciñanza”, dixo. Esta actuación suporá unha inversión dun millón de euros. “Evitaremos ao máximo que o carril bici invada a zona reservada para o peón, as beirarrúas, que ampliaremos nos casos onde sexa preciso crear zonas de coexistencia, sempre co obxectivo de que o tránsito peonil non perda espazo”, comentou o concelleiro, que indicou que ademais todas estas actuacións foron estudadas e analizadas polo miúdo para concorrer na mínima perda de prazas de aparcamento no entorno de Linares Rivas.

Por outro lado, dentro do proxecto de actuación inmediata tamén se atopa a conexión do carril bici universitario co da área metropolitana. “Trátase dunha actuación de interconexión, que se baseará en vías compartidas con prioridade ciclista, na que se implanten carrís nas zonas de pendente ascendente”, comentou. Esta actuación xerará 3,2 novos quilómetros de carril bici, e suporá unha inversión de 150.000 euros.

Aparcabicicletas

Por outro lado, o departamento de Mobilidade Sostible tamén aposta pola creración dunha rede de infraestruturas de aparcamento e servizos adicionais para os usuarios de bicicletas, “liberando as beirarrúas de obstáculos e de vehículos, aínda no caso de que estes non sexan motorizados”. Grandío destacou que a praza de estacionamento dun vehículo equivale a 12 prazas de estacionamento ciclista. “O noso proxecto pasa por actuacións sinxelas baseadas na substitución dunha praza de aparcamento de coche por 12 prazas para bicicletas, mediante a colocación de aparcabicicletas independentes situados na rúa”, comentou. “No espazo no que pode aparcar un vehículo plantéxase a colocación de ata 6 aparcabicis en forma de U invertida, que permiten poder atar as bicicletas de xeito sinxelo, cómodo e seguro”, indicou.

“A ubicación dos aparcabicis persegue un doble obxectivo. Por unha banda reivindicamos o espazo para as bicicletas nas rúas da Coruña, e por outro, liberamos as beirarrúas de obstáculos, e facemos unha cidade máis accesible. Ademais, comezamos a traballar con estratexias destinadas a eliminación das zonas de visión cero nas rúas”, salientou o concelleiro. “Estas prazas ubicaranse principalmente diante dos pasos de peóns no sentido da marca, o que fai que se mellore a visibilidade nos puntos de intersección peón coche. Son prazas totalmente compatibles d complementarias ca creación de saíntes nas beirarrúas, e podense levar a cabo tanto por separado como conxuntamente”, dixo.

Ao longo de toda a lexislatura poñeranse en marcha un total de 110 módulos de aparcabicicletas, comenzando por aqueles puntos de maior atracción e xeración de desprazamentos. “Teremos especialmente en conta os centros escolares, que nos últimos anos traballaron na implantación do programa Camiños escolares seguros, coa finalidade de facilitar o acceso dos cativos en bici aos colexios, e como mellora da seguridade viaria nos entornos escolares”, explicou o edil, que comentou ademais que “de forma paralela á creación de novos módulos de bicicleta, revisaranse as ubicacións das actuais para sacalos da beirarrúa”. A previsión para 2016 pasa por implantar 10 novos módulos de aparcabici, xerando 120 prazas. En total, no período comprendido até 2019 a idea é implantar 1.320 novas prazas de aparcamento para bicicletas.

BiciCoruña

Por outro lado, Díaz Grandío quixo destacar a grande acollida que ten entre a poboación o servizo de BiciCoruña, que neste momento conta con 22 estacións de préstamo repartidas pola cidade, estando prevista para este ano a creación dunha nova na zona do Castrillón. “Ademais, despois de sete anos da posta en marcha das primeiras estacións de BiciCoruña, aquelas que están máis expostas ao mar, así como as máis empregadas, precisan dunha renovación profunda, que imos acometer”, subliñou. “Cremos que é claro que hai que seguir apostando por este camiño. O ano 2015 pechouse con 2.915 usuarios do sistema, e no que levamos de 2016 a cifra de usuarios chega xa aos 3.177, o que supón un novo récord. Durante o pasado exercicio sobrepasáronse todos os rexistros de usos, superando por primeira vez no verán os 20.000 usos nun mes. Segundo as previsións, este verán volverase a superar esa cifra”, adiantou.