8 de marzo: Día da Muller

As mulleres de EQUO Galicia chaman á cidadanía galega a ser valentes contra  o patriarcado e loitar pola igualdade de dereitos e por unha sociedade máis xusta.
A manifestación unitaria do feminismo galego terá lugar o domingo 9 de marzo ás 11 da mañá en Compostela, desde a Estación de tren ata a Praza da Quintana.

Tras o comezo de ano máis tráxico da década polo incremento de mulleres asasinadas pola violencia machista en todo o estado, tres delas en Galicia, as mulleres de EQUO Galicia pedímoslle á cidadanía galega que non mire cara a outro lado. Tras o ataque ao noso dereito a decidir, as mulleres de EQUO Galicia pedímoslle á cidadanía galega que non cale.

Desde EQUO Galicia somos conscientes de que quedan moitas frontes nas que avanzar para superar o heteropatriarcado. Os asasinatos machistas seguen sendo a principal lacra de toda sociedade que se considere avanzada. Mais a violencia de xénero ten os brazos moi longos e cada día podemos ver como o machismo volve recuperar lugares que xa tiñamos conquistados. A desigualdade no ámbito laboral reflectido non só nos salarios senón nas responsabilidades e busca da conciliación co ámbito familiar. O mundo dos coidados que seguen sendo responsabilidade das mulleres. A crise fai que as mulleres vexamos que os nosos dereitos minguan en todos os ámbitos.

EQUO, partido ecoloxista e feminista, comprometeuse coas mulleres desde os seus inicios, fóra e dentro da nosa organización. EQUO aplica estritamente cuotas de paridade, reservando a metade dos cargos e das listas electorais do partido para nós as mulleres. Comezamos a aplicar no noso partido o que reclamamos para toda a sociedade, a igualdade real de dereitos, para que deixe de ser unha utopía e se convirta en realidade.

Tras a implantación da Lei Orgánica 1/2004 de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, España conseguiu situarse coma referente internacional na loita contra a violencia machista, avance que aínda se reflicte na enquisa da Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea publicada o pasado mércores.  A covoceira de  EQUO Galicia, Rosa Rodríguez Sales, convida a todas as mulleres a ser valentes na loita pola súa dignidade e na defesa dos seus dereitos básicos, agora atacados polo goberno do Partido Popular.

Por todo isto, fronte aos recortes brutais nos que as mulleres seguimos sendo as máis perxudicadas,  desde EQUO Galicia pedímoslle ás mulleres e aos homes de Galicia que saian á rúa contra o patriarcado e se unan á manifestación unitaria do feminismo galego este domingo en Compostela.

 As mulleres de EQUO Galicia

8 de marzo - sé valente!