Todos merecen o noso amparo

Desde EQUO Galicia apoiamos á manifestación deste domingo 25 de xuño en Compostela ás 12h desde a Alameda convocada polas asociacións protectoras de animais de Galicia coma Os Biosbardos, entre outras. Animámosvos a todas a asistir para darlle voz aos que non a teñen e dependen de nós.

A lei débese facer extensiva a todos aqueles animais que dependen do ser humano para a súa supervivencia cambiando o nome para Lei de protección e benestar dos animais domésticos e salvaxes en catividade. Inclúense así os animais criados para uso, incluído o consumo e aos équidos domésticos.

non-a-lei-de-proteccion-e-benestar-animais-compañia-xunta-galicia

Identificacións das mascotas

Consideramos que é necesaria sumar á identificación dos cans, tamén a de gatos e furóns como mínimo, en animais de compaña. É preciso para evitar posibles perdas, malos tratos e abandono. Os gatos que se perden teñen moitas posibilidades de non regresar por eles mesmos ao seu fogar. Só un 5% o logra. Un gato perdido con microchip que chegue a un veterinario, comisaría ou protectora poderá reencontrarse cos seus donos en cuestión de minutos.  Dificilmente se poderán contabilizar o abandono de gatos se estes non se identifican.

Rexeitamos o aumento da lista de cans de razas supostamente perigosas considerando que se fai baixo un afán unicamente recadatorio.

Non á persecución da xenerosidade

É inadmisible que se multe ás persoas que pretenden axudar a un animal indefenso rescatándoo e protexéndoo no seu fogar. É absurdo e incomprensible que a multa ascenda á mesma cantidade que a dos que abandonan as súas responsabilidades. O abandono dun animal na rúa pon en perigo a vida do mesmo podendo provocar accidentes con vítimas humanas. Non é admisible que se poñan ao mesmo nivel un acto xeneroso que nos protexe a todos fronte á irresponsabilidade.

Do mesmo xeito, tampouco debe perseguirse alimentar a animais na rúa. Se non que desde a administración autonómica débese axudar aos concellos a que creen programas de alimentación e xestión de colonias felinas de xeito que se persiga o sacrificio cero  e condicións hixiénico-sanitarias aptas para os animais e a boa convivencia coa veciñanza.

Sacrificio cero

Toda a lei deberíase orientar cara ao sacrificio cero. Non é admisible dar pasos atrás neste sentido debendo garantir un prazo para que cada animal tanto en canceiras como en protectoras teña a oportunidade de reencontrarse coa súa familia ou de atopar unha nova.

Débese retirar a prohibición de adoptar animais enfermos, de calquera idade, sempre garantindo que a nova familia está debidamente informada e está capacitada para atendelo e darlle os coidados que precise.

Todos merecen o noso amparo 2Todos merecen o noso amparo

Os animais denominados de renda ou produción poden ser vítimas de maltrato na súa convivencia co ser humano en situacións, que deberían incluirse como prohibidas, como as seguintes:

-Imporlles a realización de comportamentos e actitudes alleas e impropias da súa condición ou que impliquen tratos vexatorios.

-A doazón de animais como reclamo publicitario, premio ou recompensa, a excepción de negocios xurídicos derivados da transacción onerosa daqueles.

-A esterilización, como a práctica de mutilacións sen control veterinario.

-Impor un traballo ou actividade que supere a capacidade dun animal ou obrigar a traballar a animais enfermos, fatigados ou menores de 6 meses.

-Manter aos animais atados ou encadeados limitando de forma duradeira o movemento necesario para eles, así como ataduras de tipo trabas en todos os animais da especie equina, como vén sendo habitual nos cabalos do monte.

-A utilización en atraccións feriais e outras asimilables, máis típica de pequenos équidos coma os ponis que de animais de compañía como cans ou gatos.

-Mantelos en condicións inadecuadas, desde o punto de vista hixiénico-sanitario ou ambiental ou desatender a práctica do coidado e atención necesarios, de acordo coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas segundo a raza e especie.

-O uso de animais en pelexas, festas, espectáculos ou calquera outra actividade que leven consigo maltrato, crueldade ou sufrimento.

-A filmación ou realización de esceas para cine, televisión ou calquer outro medio audiovisual, que recolla esceas de crueldade, maltrato, morte ou sufrimento de animal, salvo autorización expresa da consellería competente en materia de protección animal, que verificará que o dano aparente causado aos animais sexa, en todo caso, simulado.

-A utilización de calquera tipo de productos ou substancias farmacolóxicas para modificar o comportamento natural dos animais que se utilizan para o traballo fotográfico, publicitario, de exposición ou exhibición.

– A venda ou cesión en lugares públicos non autorizados.

– Non facilitarlle a alimentación necesaria para o seu normal crecemento.

-Non realizarlle os tratamentos que se declaren obrigatorios ou non subministrarlle a asistencia veterinaria que necesite para evitar padecementos.

-A realización de procedementos de experimentación non autorizados.

-O emprego de animais en exhibicións que lles cause sufrimento ou dor.

Vémonos o domingo ás 12h na Alamenda compostelá!

 

*****Podes ler as REIVINDICACIÓNS COMPLETAS DAS PROTECTORAS ANIMALISTAS no evento da manifestación en Facebook.