23N: EQUO Galicia únese ás reivindicacións do Dia dos Bosques Autóctonos

Con esta cita diversos grupos ecoloxistas reclaman a protección das especies autóctonas, a necesidade de recuperar espazos degradados e alertan dos perigos dos monocultivos forestais.

Os bosques autóctonos son fonte e garantía de biodiversidade. As súas árbores teñen unha longa vida e un sistema de raíces que interactúa cos ecosistemas do solo e que son cruciais para reciclar, almacenar e manter os seus nutrientes. Protexer os bosques autóctonos implica evitar as alteracións dos ciclos hidrolóxicos e a degradación dos solos e da paisaxe. Por todos estes motivos, EQUO Galicia quere unirse ás reivindicacións do Día dos Bosques Autóctonos, que se vén celebrando desde hai máis dunha década todos os 23 de novembro.

Dende a nosa formación política, entendemos que os monocultivos de árbores non son bosques. Empobrecen o chan e axudan á proliferación de determinadas pragas, como o nematodo do piñeiro, o goníptero do eucalipto, a pulga do carballo ou o fungo do ameneiro; pragas ás que habitualmente se lles está a dar resposta mediante fumigacións masivas. Porén, ese e moitos outros dos nosos actuais problemas forestais teñen unha solución moito máis doada: o mantemento dos bosques autóctonos e da diversidade de especies. Deste xeito, aproveitamos para reclamarlle á Xunta de Galicia que incentive a diversificación e o mantemento dos bosques autóctonos e tome as medidas correspondentes para limitar o monocultivo extensivo de árbores, pasando a considerar, por exemplo, as plantacións forestais coma cultivos. En EQUO pensamos que as necesidades da industria e dos produtores teñen que conxugarse coas necesidades da contorna.

Aproveitamos para lembrar a nosa postura crítica ante a actual Lei de Montes. Ademais de desprotexer o noso patrimonio medio ambiental, tamén abre a posibilidade á reforestación de terras agrarias, substituíndo espazos para o cultivo e pastos por plantacións de especies de crecemento rápido, como os eucaliptos, que supoñen un gran negocio para determinados sectores. Pola contra, non hai interese por parte da administración actual en deseñar un modelo ecolóxico de país, así como tampouco en utilizar outros mecanismos de xestión como a custodia do territorio.

Dende EQUO Galicia, ademais de darlle prioridade ao cambio de modelo forestal para Galicia, apostamos por utilizar mecanismos de incentivación como dar vantaxes fiscais aos propietarios de bosques autóctonos polos servizos ecosistémicos que estes espazos proporcionan ao medio ambiente e á sociedade.

Ruta dos Muiños, senda do Edo, en Castro Caldelas (Ourense). Foto do Caserío da Castiñeira (licenza by-nc-nd), fonte: http://www.panoramio.com/photo/81329010
Ruta dos Muiños, senda do Edo, en Castro Caldelas (Ourense).
Foto do Caserío da Castiñeira (licenza by-nc-nd), fonte: http://www.panoramio.com/photo/81329010