10 de decembro: Dereitos Humanos e Animais

O 10 de decembro seguimos revindicando o cumprimento da Declaración de Dereitos Humanos.

EQUO Galicia aproveita o 10 de decembro, día internacionalmente recoñecido, para esixir máis atención por parte das institucións á defensa dos dereitos humanos e reclamar que a súa defensa se faga os 365 días do ano, lema da conmemoración neste ano 2014. Soamente cun traballo continuado das institucións, que non pode ser aprazado, se lograrán resultados. Debe ser unha prioridade mundial, desde o local ata o global.

[expand title=”Ler o resto do noso texto sobre os Dereitos Humanos” swaptitle=”Ocultar o resto do noso texto sobre os Dereitos Humanos” alt=”Continúa co noso texto conmemorando o Día dos Dereitos Humanos”]

 
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos finaliza o seu preámbulo con este chamamento:

... Proclama a presente Declaración Universal de Derechos Humanos como ideal común polo que todos os pobos e nacións se deben esforzar, coa finalidade de que tanto os individuos como as institucións, inspirándose constantemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos, tanto entre os pobos dos Estados Membros [da ONU] como entre os dos territorios colocados baixo a súa xurisdicción.

Con esta cita EQUO Galicia quere lembrar que debemos seguir esixindo e velando polo cumprimento dos Dereitos Humanos en todos os lugares do planeta. Con tal obriga, temos que vixiar que as nosas institucións, comezando polas que nos son máis próximas, leven a cabo políticas que non permitan que se deixen de lado estes dereitos, poñendo no seu foco de actuación ás persoas e non aos intereses do capital ou dos mercados.

Lamentablemente, estamos hoxe nun mundo onde uns poucos privilexiados vivimos alleos aos problemas doutras moitas persoas (en ocasións lonxe, pero outras moito máis preto do que adoitamos a pensar) que non teñen a mesma sorte e, pola contra, viven como escravos, explotados e noutras moitas situacións que están lonxe de se axustar á Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Avanzar cara a unha sociedade máis xusta e equitativa en todos os lugares do planeta, cun reparto da riqueza que nos permita erradicar a pobreza, ten que ser o obxectivo que nos faga loitar, desde o local, con cada unha das nosas decisións e actos, para influír tamén no global.

Un novo 10 de decembro EQUO Galicia insta a todas as persoas a que sigan loitando por un cumprimento efectivo dos Dereitos Humanos en todo o mundo, esixíndolle a organismos oficiais e institucións a súa parte de responsabilidade, pero sen esquecer a propia.

HumanRightsLogo

[/expand]

EQUO Galicia lembra que hoxe, 10 de decembro e Día dos Dereitos Humanos, tamén se celebra o día no que por fin se lle recoñecen dereitos aos animais.

Con orixe na Declaración Universal dos Dereitos dos Animais proclamada en 1977 por distintas organizacións, e máis adiante recollida como tal por ONU e UNESCO, este recoñecemento de dereitos aos animais non humanos deriva dun fundamento ético vido dun amplo sector poboacional, que contrasta coas actuacións de gran parte dos órganos competentes e institucións, que continúan a fomentar e exercer un papel abusivo contra os animais.

[expand title=”Ler o resto do noso texto sobre os Dereitos dos Animais” swaptitle=”Ocultar o resto do noso texto sobre os Dereitos dos Animais” alt=”Continúa co noso texto conmemorando o Día dos Dereitos dos Animais”]

 
A Declaración Universal dos Dereitos dos Animais recolle no seu Preámbulo:

Considerando que todo animal posúe dereitos.
Considerando que o descoñecemento e desprezo dos devanditos dereitos conduciron e seguen conducindo á especie humana a cometer crimes contra a natureza e contra os animais.
Considerando que o recoñecemento por parte da especie humana do dereito á existencia das outras especies de animais constitúe o fundamento da coexistencia das especies no mundo.
Considerando que a especie humana comete xenocidio e existe a ameaza de que siga cometéndoo.
Considerando que o respecto da especie humana cara aos animais está ligado ao respecto das persoas entre elas mesmas.
Considerando que a educación implica ensinar, desde a infancia, a observar, comprender, respectar e amar aos animais.

A consideración de respecto ao benestar animal ou trato ético cos animais é unha obriga ineludible na actualidade, ao considerar unha maioría da cidadanía que aqueles deben recibir un trato xusto, mesmo estimándoos merecedores de dereitos tradicionalmente só recoñecidos aos humanos. Así, existen textos xurídicos que recoñecen a existencia destes dereitos e regulan o deber de respectar o comportamento natural dos animais sen interpór restricións ao mesmo. Porén, pese a este recoñecemento inicial, é tristemente habitual que as persoas deixan de respectar aos animais cando dito respecto implica un límite á liberdade de actuación humana, o que leva en demasiadas ocasións a comportamentos humanos moi reprochables e caracterizados por unha carencia total de sensibilización e empatía cara os animais non humanos.

A responsabilidade está sen dúbida nos órganos competentes e administracións que deben promover a sensibilización mediante xornadas informativas e campañas de concienciación nas que se inculque o respecto aos animais e se informe dos dereitos que estes posúen e dos deberes dos cidadáns, evitando converter as sancións por maltrato ou abandono nun mero acto de recadación. A educación no respecto aos animais, como sempre, debe comezar dende a infancia, con contidos específicos para nenas e nenos onde se traballen estes aspectos.

Así mesmo, no caso das mascotas deben alentarse e apoiarse campañas de adopción ao longo de todo o ano, e non só atractivos anuncios televisivos en Nadal ou no verán, ademais de fomentar nos concellos a creación de zonas amplas onde poidan pasear e gozar as persoas coas súas mascotas. Por último, como xa vén denunciando EQUO, deben actualizarse as normas xurídicas respecto á protección legal dos animais xa que é inconcebible que en Galicia e España non exista unha lei marco de protección animal na actualidade.

paw
[/expand]