Ante o incendio das Fragas do Eume, EQUO Galicia lamenta a queima do espazo máis emblemático das fragas Atlánticas galegas e pide responsabilidades.
Ante o incendio que segue activo no parque natural das Fragas do Eume, a formación política EQUO Galicia quere manifestar a súa preocupación pola supervivencia deste espazo natural emblemático e agarda que se asuman as responsabilidades políticas derivadas da xestión desta perda irreparable.
EQUO Galicia considera que a orixe do lume, que xa todos concordan foi intencionada, non se pode prever, pero parece incomprensible a lentitude na actuación inicial que provocou que cando chegaron os medios de extinción as lapas foran xa incontrolables. EQUO pregúntase se o espazo forestal senlleiro da biodiversidade galega, nun período de máximo risco de incendios, non contaba cun equipo permanente de control e vixiancia.
As Fragas do Eume levan anos soportando múltiples agresións por invasión de especies exóticas, contaminación reiterada do río Eume, proxectos de minería a ceo aberto e minicentrais no seu contorno etc. Este incendio representa a suma dunha longa serie de despropósitos inimaxinables nun Parque Natural.
EQUO Galicia lamenta finalmente o acostumado espectáculo do uso partidista dos incendios como ferramenta política, cando unha simple revisión do acontecido nas tres últimas décadas reflexan que nin PP, nin PSOE nin BNG son quen para poñer de exemplo a súa xestión nos períodos nos que o monte foi da súa responsabilidade.
EQUO participou nas concentracións convocadas en distintas vilas galegas o pasado luns en repulsa por esta traxedia ambiental e social e seguirá a carón dos que busquen novas solución para acadar novos resultados. Contra o lume, mal endémico en Galicia, tan so cabe a unión de todas as partes implicadas.
Elbio Ramos – Loli Tobío
Covoceiros da
mesa promotora de EQUO Galicia