Xa se fincou nas pereiras a primavera…

EQUO busca o seu segundo escano

Neste ecuador da campaña, que coincide co día da Nosa Cultura, EQUO Galicia quere compartir o seu optimismo tras unha intensa primeira semana de campaña. Unha campaña na que, con moita ilusión e buscando o achegamento á xente , tratamos de visibilizar as nosas propostas para Europa, como sempre baseadas na ecoloxía política, a equidade social e a radicalidade democrática.

Se o Grupo Verde forma xa a cuarta forza no Parlamento Europeo, o obxectivo de EQUO ten que pasar polo ambicioso propósito de tratar de afianzarse como a sexta forza política en España. Así, se as últimas enquisas de intención de voto xa lle outorgan á gran coalición de partidos que conforman Primavera Europea unha expectativa de voto do 2.5 %,  o que parece asegurarnos un escano no Parlamento Europeo, EQUO non se conforma.

Esta segunda semana de campaña intensificaremos aínda máis a nosa presenza na rúa e nos medios para estar en disposición de acadar polo menos un segundo EuroParlamentario. Temos aínda moito traballo por diante para obter o grao de coñecemento da xente que nos gustaría, e que nos permitiría aproveitar ao máximo ese 12% de intención de voto verde existente. E é que, como di un dos lemas que vimos empregando para algunha das nosas actividades, EQUO é un partido fácil de votar. Cando se coñece, gusta!

Porque pensamos que temos un gran programa [1] [2] [3] para Europa, cargado de achegas reais de probada eficacia nos gobernos europeos onde os Verdes teñen acadado responsabilidades de goberno, como unha importante creación de emprego verde. Axúdanos esta segunda semana de campaña a darnos a coñecer. Difunde as actividades que temos programadas na nosa axenda, e participa delas!

Remuíño
Xa se fincou nas pereiras
a primavera. Sentín
o vou-e-non-vou de marzo.
¡Xa no hai piedade pra min!

Pasou rispándome a quina
dun cabalo que non vin.
Brandéuse o ceo de vidro
aló por Ponte-Gafín.

Crebóuse a paz coma un fío
nos dentes fríos de abril.
Perdido no remuíño,
¡xa no hai piedade pra min!

Ti, cabelos de ouro e de aire,
nena, ¿en que ceo te vin?
Chuchoume unha meiga os ollos,
ti xa no es metá de ti.

Torceuse o eixo das cousas,
Toleou folla e raíz,
Moscáronme os soños, caio…
¡Xa no hai piedade pra min!

Pro tralo fume revolto
de todo o que cai, sentín
que Deus andaba a xogar.
¡Inda hai piedade pra min!

Xosé María Díaz Castro (1989)

[1] Podes obter un resumo en galego do programa de EQUO en pdf ou epub ou consultar o programa completo na web http://europa.partidoequo.es/programa-electoral-equo-elecciones-europeas-2014

[2] O noso candidato Florent Marcellesi na súa entrevista esta semana en eldiario.es (con fotaza do noso EQUO-Ourense Miguel Cid!): http://www.eldiario.es/europeas_2014/Florent-Marcellesi-Pedimos-constituyente-UE_0_257574772.html

[3] A entrevista a Florent Marcellesi no programa «Hoy por hoy» da SER: http://www.cadenaser.com/espana/articulo/soy-persona-indignada-tenemos-dar-salida-instituciones/csrcsrpor/20140514csrcsrnac_8/Tes

Deixa unha resposta