Verteduras no río Camba na contorna do Parque Natural O Invernadeiro

EQUO Galicia denuncia a continua desfeita medio ambiental das obras do AVE ao seu paso polo macizo central ourensán

Co gallo do Día Mundial da Protección da Natureza, que se celebra cada ano o 18 de outubro, membros de EQUO Galicia visitaron unha parte das obras do AVE na provincia de Ourense, concretamente a zona comprendida entre Portocamba, Campobecerros e Sanguñedo, para comprobar in situ a magnitude dos feitos que veñen provocando as reiteradas protestas da veciñanza e a creación dunha Plataforma para canalizar as mesmas. O obxectivo da visita é mostrar unha das múltiples agresións á natureza que se están a producir en Galicia e sensibilizar ao resto da poboación que quizais viva allea a este tipo de accións contra o noso patrimonio medio ambiental.

As obras do AVE na contorna de Campobecerros

Aínda tendo coñecemento do estado das obras na zona, desagradable foi a sorpresa polo alí atopado, vendo a pouca sensibilidade das empresas construtoras que están a executar os diferentes tramos da nova infraestrutura e, o que é aínda peor, a desidia e absoluta falta de control das distintas administracións que teñen que velar polo cumprimento da lexislación medio ambiental vixente: a lexislación sobre augas, sobre paisaxes, sobre ríos, sobre ruídos, sobre actividades perigosas, sobre espazos protexidos, etc.

A zona de obras presenta unha imaxe desastrosa, incluso de abandono: as choivas arrastran sen control todos os materiais xerados por esta actividade e a apertura de pistas e entulleiras deixa a zona nun estado lamentable con prexuízos para os seus habitantes e o medio ambiente da zona. Algúns dos tramos atópanse sen actividade pero con toda a obra chea de cascallos e maquinaria.

As insuficientes instalacións no Regato Valcovo

Os principais problemas atopados son :

  • O impacto paisaxístico que está a soportar a rexión, xa que as construtoras non teñen ningunha medida preventiva para a súa actividade.
  • Os danos de todas as redes de estradas locais que está a producir o paso de transportes e maquinaria pesada, con problemas de bacheado e cortes e desvíos en pistas, camiños e estradas.
  • A grande cantidade de po depositado en toda a zona, producido polos vehículos das obras e a propia actividade de desentullo que afectan directamente aos núcleos de poboación.
  • A contaminación acústica que soporta a veciñanza, xa que a maquinaria traballa 24 horas ininterrompidamente.
  • E o máis grave de todo: a grancantidade de verteduras de materiais minerais, terras e materiais de construción (illantes químicos, aditivos dos formigóns e po de cemento) que están a sufrir os ríos e acuíferos da comarca. As empresas verten directamente a estes ríos e as medidas de contención non están a funcionar, atopándose en estado lamentable e non facendo a súa función.
    As balsas de decantación apenas reteñen a auga diaria da propia obra e a cousa agrávase cando se pon a chover xa que as escasas medidas de contención non poden con tal cantidade de auga e acaban directamente no río Camba.

Trátase dunha agresión medio ambiental e dun atentado ecolóxico en toda regra que EQUO Galicia pensa que podería ser constitutivo dun delito ambiental.

Atopámonos con regatos nun estado desastroso, como o exemplo do Regato Valcovo, que
desemboca no Río Camba e que arrastra materiais grises e algas brancas cara ao río, e que incluso están a producir a colmatación da canle.

O regato Valcovo desembocando no Camba

Tamén temos dúbidas sobre os motivos que levaron á localización da boca do túnel sobre unha confluencia de ríos, a pesar das potenciais contradicións legais que xorden coa Lexislación de Impacto Ambiental, a Lei de Augas, a Directiva Marco da Auga e a Directiva Hábitats 92/43 CEE, ao tratarse dun hábitat prioritario. Condición esta última que se podería perder de se veren gravemente modificadas as características que a fixeron merecedora desta protección. Sorprende, así mesmo, que a administración careza dun plan de seguimento de control ambiental.

O Regato ValcovoParte canalizada do Regato ValcovoAspecto dos lodos no Regato Valcovo

EQUO Galicia tamén recolleu as preocupacións de veciñas e veciños que xa están fartos de sufrir todas as molestias mencionadas, que afectan á súa saúde e ameazan a súa contorna. Esta xente está a ver, día a día, como as construtoras verten constantemente aos regatos e ríos preto das súas vivendas, contaminando a auga e matando toda clase de vida que neles habitaba, xa que a sedimentación de materiais nos fondos dos ríos afectados é brutal. Lembrábannos que denunciaron estes feitos ao Seprona e que segundo eles a resposta foi que “non atoparon ningunha clase de vertidos”, incrible á vista das imaxes.

EQUO aposta polo transporte ferroviario como unha das chaves para unha vertebración efectiva do territorio, e aínda que a Alta Velocidade non era precisamente a maior prioridade de investimento na rede ferroviaria galega, é difícil entender como as empresas concesionarias dos grandes orzamentos que se manexan neste tipo de infraestruturas non fan o mínimo investimento necesario para a protección do patrimonio do territorio no que están a actuar. A lóxica indica que o diñeiro aforrado en medidas de prevención medio ambiental ingrésano directamente nos seus beneficios, e á vista está que prefiren non facer nada ante a complicidade da administración que non leva ningún control sobre estas obras.

Precisamente, é o papel que lle toca xogar ás distintas administracións neste tipo de actuacións o máis difícil de xustificar e comprender. Encargadas de garantir que a execución das obras se leva a cabo do xeito máis respectuoso posible co medio ambiente, velando polo cumprimento da lexislación existente e aproveitando, ademais, para a realización de melloras no contorno que puideran dalgún xeito compensar nunha pequena parte as molestias que están a padecer as poboacións da zona, a súa inacción deixa unha vez máis indefensa e totalmente desprotexida á cidadanía fronte a este tipo de agresións.

Esixímoslle á Xunta de Galicia, especialmente á Consellería de Medio Ambiente, e tamén á Confederación Hidrográfica do Douro, que elaboren controis mensuais sobre as obras e que leven a cabo análises da calidade das augas nas zonas das verteduras, xa que intuímos que a calidade das augas dos ríos Támega, Camba e Parada se está a ver afectada polas verteduras das citadas obras, co evidente risco para a poboación, fauna e flora locais ante a chegada das choivas e do inverno.

Consideramos, ademais, que se teñen que tomar medidas urxentes para frear a constante escorrenta de sedimentos aos ríos da zona e o desbordamento das balsas de decantación. As obras carecen da infraestrutura necesaria para minimizar o impacto ambiental, e temos serias dúbidas de que se poidan deixar os ríos e as súas marxes no seu estado anterior ás obras unha vez rematadas estas.

Por último, EQUO propón que a creación de espazos protexidos non se faga a modo de “illas ecolóxicas”, sendo necesario aumentar a zona a protexer con “corredores ecolóxicos” que garantan a adecuada conservación das zonas perimétricas destes espazos.

EQUO Galicia está a recopilar información para a presentación de denuncias ante os diferentes órganos administrativos implicados (Consellería, Ministerio e Confederación Hidrográfica) e ante o Valedor do Pobo, xa que entendemos que a día de hoxe non se están a tomar as medidas necesarias para evitar este auténtico atentado ecolóxico nunha zona dun gran valor medio ambiental, entrada do Parque Natural do Invernadeiro. Unha vez dispoñamos de toda a documentación necesaria para ter os suficientes indicios dun delito ecolóxico, acudiremos á Fiscalía Provincial.

Como parte desa documentación, achegamos o gráfico recollido na Figura 1, no que se poden observar os diferentes focos de impactos que están a producir un constante carrexo de sedimentos nos ríos da zona nas épocas de choiva, sendo o río Camba o principal prexudicado. Estes impactos inciden gravemente nun dos principais elementos patrimoniais desta zona, os recursos naturais que aportan capital tanto por medio do turismo vinculado á natureza como polos servizos que prestan os ecosistemas máis afectados na zona (pesca, biodiversidade, paisaxe e benestar social). É un novo golpe sobre unha economía local que está a sufrir nas últimas décadas unha despoboación das máis agudas de Galicia, e unha mostra máis da tendencia ao abandono da administración sobre estas zonas interiores de Ourense.

Proxección sobre un mapa das zonas afectadas polas obras do AVE na contorna de Campobecerros

Figura 1. Focos de impacto ambiental. Elaborada por EQUO Galicia. Fonte cartográfica:
Ministerio de Medio Ambiente, Instituto Geográfico Nacional (IGN) e SITGA.

Nesta ligazón tes un pdf co contido desta entrada: http://www.equomunidad.org/sites/default/files/verteduras_adif.pdf

Deixa unha resposta