Unha Europa máis unida, máis solidaria e máis verde

Tal día como hoxe hai 70 anos, Robert Schuman propuxo a creación dunha Europa unida para traer unha paz duradeira ao continente. Hoxe atopámonos cunha Europa que afronta un dos seus maiores retos: permanecer unida despois dunha crise das proporcións actuais.
 
Non podemos permitir que un virus poña en risco unha construción europea que tanto nos ten levado construír dende a cidadanía. Europa non pode ser un interese económico ou comercial que poña os seus recursos ao servizo do capital. Tampouco pode ser unha vítima dos intereses curtoplazistas duns políticos aos que só lles interesa o seu beneficio electoralista como xa ocorreu co Brexit. Ten que ser a Europa das persoas, dos pobos e da reconstrución verde.
 
Neste eido, o Partido Verde Europeo do cal formamos parte, ten unha proposta moi potente para unir aos países do sur e do norte e está baseada na solidariedade e na axuda mutua. Propugnamos unha reconstrución verde, que acometa a transición ecolóxica e que vaia da man da xustiza social. Propoñemos revisar as normas orzamentarias e fiscais da Unión Europea superando o Pacto de Estabilidade e Crecemento e chegando a un Pacto Ecolóxico e Social.
 
Cremos nunha Unión Europea que se reconstrúa centrándose en pemes, cooperativas e autónomos, nunha reinversión masiva en servizos públicos de calidade e oriente a súa economía a unha transición ecolóxica con xustiza social. Esta será a única resposta que poderá de facer fronte a unha extrema dereita fascista e xenófoba. É a hora dunha Europa verde e solidaria.
 

Comments are closed.