Sobre as novas no caso Pokemon

EQUO Galicia lamenta a situación de corrupción en Galicia e demanda responsabilidades aos gobernos locais implicados

«O coñecido grazas ao levantamento do segredo de sumario da “Operación Pokémon” está a bater contra Galicia de maneira tan enérxica coma o mar nestes últimos días. A xustiza debe ser contundente.» afírmase dende EQUO Galicia.

EQUO Galicia, organización política membro de AGE, denuncia que é necesario esixir responsabilidades políticas a todas as persoas implicadas na que xa é a maior trama de corrupción coñecida en Galicia, a Pokémon, con máis de cen persoas imputadas, e avoga por chegar ao fondo do asunto coa maior celeridade posible. «Non se pode reclamar e
pedir tanto aos cidadáns mentres que os gobernos locais non cumpren nin o máis básico
que se espera deles».

Ademais, EQUO Galicia considera de auténtica gravidade a postura dos populares e socialistas galegos de unicamente ampararse na presunción de inocencia (a cal EQUO Galicia respeta) tendo en conta todos os datos coñecidos, e insiste en que deberían ser os propios partidos afectados os que deberían estar máis interesados en «limpar o po acumulado». Para esta formación política, as palabras rexeneración e transparencia deben facerse efectivas e reais, polo que deben implementarse as medidas necesarias para conseguilo.

«O silencio de certos responsables do PP e PSOE de Galicia respecto á suposta corrupción da que se lles acusa é tremendamente significativo. Poucas veces se dá a casualidade de ver aos dous principais partidos galegos tan de acordo.»

Dende EQUO Galicia agradécese tamén o labor dos medios de comunicación que axudan a que a noticia chegue aos galegos. «É tan importante saber a verdade como comunicala adecuadamente aos cidadáns. Eles teñen que saber quen os goberna e cales son os seus
intereses reais».

A nivel local, EQUO A Coruña únese á recente petición doutros partidos que reclaman a comparecencia de Carlos Negreira, alcalde da Coruña, para ofrecer unha explicación convincente sobre a trama da “Pikachu”, peza separada desta Operación Pokémon.

EQUO Galicia

Deixa unha resposta