Seguimos apostando decididamente polo modelo da Renda Básica Universal

Estase a falar moito estes días do Ingreso Mínimo Vital que propón o goberno e que previsiblemente porá en marcha o vindeiro maio. Poucos datos concretos sabemos dela máis disque será condicionada e de emerxencia. Dende EQUO Galicia, esperamos que non sexa exactamente o mesmo que a Renda de Inserción Social (RISGA) que temos en Galicia e non queremos deixar pasar a oportunidade de lembrar que nós somos partidarios da Renda Básica Universal.
Meses de tramitación, trabas burocráticas, unha morea de requisitos e trámites, un percorrido totalmente desmotivador e inhumano nos servizos sociais. Todo isto para uns ingresos de 400 euros. Uns ingresos moi fraxis que normalmente rematan coa aceptación dun emprego en condicións moi precarias. Isto é a RISGA en Galicia e pensamos que se segue un modelo condicionado e non universal, o Ingreso Mínimo Vital percorrerá o mesmo camiño.
Nós seguimos apostando decididamente polo modelo da Renda Básica Universal (RBU) como instrumento audaz e liberador, especialmente tendo en conta que a crise sanitaria da COVID19 deixará unha pegada moi profunda nas clases traballadoras e en todas aquelas minorías que xa nun contexto de bonanza tiñan problemas para chegar a fin de mes.
Teñamos tamén en conta que a necesaria transición ecolóxica converterá en innecesarios todos os postos de traballo ubicados en sectores contaminantes e, malia que creará novos empregos nos sectores verdes, a realidade da emerxencia climática fará que teñamos que coidar de nós como especie e asegurar un decrecemento económico con xustiza social.


Queremos lembrar que as rendas de inserción están condicionadas e controladas co correspondente gasto burocrático e estigmatización da pobreza, mentres, a Renda Básica Universal é incondicional e outorgada a todas as persoas, polo tanto non estaría sometida a un procedemento aporofóbico que convirte a todas as persoas en sospeitosos permanentes de fraude.
Por outra banda, todas sabemos que as traballadoras non asinan os seus contratos de traballo en pé de igualdade co empresariado. A RBU daría moita máis capacidade de negociación a quen agora non a ten, facendo que suban os salarios. Ademais, as persoas terían máis liberdade no emprendemento xa que poderían apostar por elas mesmas sen quedar desprotexidas se algo saira mal. Por último, impactaría de forma moi positiva nos coidados ás nosas na infancia, na diversidade funcional e na terceira idade e favorecería a independencia económica da muller.
Non é unha utopía. É unha proposta política redistributoria realista xa que se sufragaría mediante impostos ás rendas máis altas trámite IRPF e perseguindo a evasión e elusión fiscal. Este instrumento tería un gran retorno social e público xa que estimularía a prestación de servicios e a compra aos negocios locais. A crise do 2008 trouxo as rendas de inserción, solucionemos a de 2020 coa Renda Básica Universal!