Rexeitamos a construción dun novo depósito de residuos en As Somozas

Cheiros insoportables, emisións e substancias contaminantes a solamente 250 metros dun espazo da Rede Natura 2000, a Zona de Especial Conservación Ortigueira-Mera. Por todas estas razóns, entendemos que non se debería conceder o novo vertedoiro en As Somozas para o que a Xunta está a tramitar a Autorización Ambiental Integrada.

O propio proxecto di que se pretende “ampliar e prolongar sustancialmente a capacidade de eliminación de residuos” das instalacións xa existentes polo que a capacidade se ampliaría a 1,03 millóns de m3 que estaría dispoñibles para refugallos industriais.

En primeiro lugar entendemos que o proxecto é unha mostra da política de xestión de residuos da Xunta de Galicia. Dende EQUO Galicia, defendemos un modelo de economía circular no que se impulse a reciclaxe no canto dos vertedoiros. Entendemos que estes teñen que ser a excepción o cal non concorda cunha ampliación dun complexo xa existente.

Ademais as empresas que van xestionar este proxecto (UTE PMA-CONTECO/SOGARISA, a antiga SOGARISA) teñen acumuladas un gran numero de denuncias pola súa xestión polas verteduras e incendios ocasionais. Por iso, entendemos que o novo complexo virá a redundar nesta situación.

Defendemos o reciclado e a reutilización dos residuos e non a creación de novos vertedoiros. Traballaremos para crear un Plan Ecolóxico de Xestións de Residuos para que estes proxectos non sexa necesarios e non teñamos que lamentar catástrofes ecolóxicas e humanas como a do vertedoiro de Bens ou como o recente incendio no de Miramontes.

Comments are closed.