Reiniciar a democracia para saír da crise

As persoas que nos temos incorporado ao proxecto político de EQUO, ante a magnitude da crise política, económica, social e ambiental na que nos atopamos, ante un goberno do PP acosado por unha fundada sospeita de corrupción, que vén gobernando a golpe de decreto tomando medidas que contradicen o programa que presentou á cidadanía, facemos un chamamento ao resto de forzas políticas e sociais para acordar unha folla de ruta que nos permita iniciar unha segunda transición para saír da crise. Folla de ruta que incluiría os seguintes pasos:

  1. Dimisión do goberno e formación dun goberno en funcións.
  2. Reforma do sistema electoral para garantir a proporcionalidade, a igualdade de condicións de partida e as listas abertas, de xeito que cada partido obteña tantos escanos como lle correspondan en proporción aos votos obtidos.
  3. Convocatoria de eleccións para a formación dun novo goberno representativo que xestione a nova transición e promova un proceso constituínte de abaixo a arriba, coa participación cidadá, a través de mecanismos de democracia participativa e directa.

En EQUO consideramos que este proceso é fundamental porque non podemos saír da crise económica sen afrontar decididamente a crise política e ética na que nos atopamos, que é unha crise de confianza en Institucións fundamentais do Estado e que require unha resposta audaz á altura da grave situación na que nos atopamos. Porque da crise sáese primeiro con transparencia e democracia directa para garantir que non volva acontecer o acontecido. Pero ao mesmo tempo é         preciso iniciar unha transición cara a un novo modelo productivo xusto socialmente e en equilibrio coa natureza. Para iso traballaremos cooperativamente con outras forzas políticas e sociais para crear unha maioría social que propoña:

  • Unha auditoría da débeda que permita evaluar a parte ilexítima da debeda pública española, reducir o reembolso á súa dimensión lexítima e permitir reactivar a economía.
  • Creación dunha banca pública que garanta o crédito con criterios sociais e ecolóxicos para a economía real e o impulso da banca ética para financiar o cambio de modelo produtivo e de consumo.
  • Unha reforma fiscal para facela certamente progresiva e redistributiva, priorizando a tasación de capitais e recursos naturais, de xeito que paguen máis os que máis teñen e máis contaminan, e facela capaz de equilibrar as contas e manter e mellorar os servizos públicos de saúde, de educación e as políticas sociais e ambientais.
  • Apostar de xeito decidido pola creación de emprego en sectores sostibles e que crean utilidade social (como as enerxías renovables, agricultura ecolóxica, rehabilitación de edificios, economía social e solidaria, cooperativas, etc.), e de reparto de traballo.
  • Aprobación dunha Lei de transparencia que garanta o dereito da cidadanía á información e a loita contra a corrupción.
  • Establecemento de mecanismos que garantan a participación da cidadanía na toma de decisións políticas, económicas, sociais e ambientais.
  • Introdución de cambios profundos no funcionamento dos partidos para garantir a democracia interna e a transparencia no seu funcionamento e nas súas contas.
  • Garantir de xeito efectivo os dereitos básicos á vivenda, a un traballo digno, á educación e sanidade de calidade gratuítas e universais. Ante a traxedia dos desafiuzamentos, buscar medidas para impedir que queden sen fogar aqueles que carecen de fogar alternativo: parque de vivendas para o arrendamento social, regulación da dación en pago, arrendamento obrigatorio para os titulares de hipotecas executables dos bancos rescatados, etc.
  • Apertura dun amplo debate sobre o novo pacto social baseado na renta básica de cidadanía como mecanismo redistributivo e base da emancipación económica, social e política, e na renta máxima, ambas medidas necesarias para o cambio do modo de vida cara ao bo vivir dentro dos límites ecolóxicos do Planeta.

EQUO fai un chamamento á cidadanía e ás forzas políticas e sociais para cooperar nesta transición que nos permita recuperar o control sobre noso futuro común.

Deixa unha resposta