Por unha reconversión verde de ALCOA.

A situación actual de Alcoa era insostible. Érao dende un punto de vista económico, polos prezos dun mercado internacional competindo á baixa. Érao socialmente por estar a propia empresa presionando e chantaxeando continuadamente ás administracións escudándose nos postos de traballo xerados, demandando axudas e subvencións; pero sobre todo era insostible dende un punto de vista ambiental.

En EQUO Galicia lamentamos a situación na que se atopan a día de hoxe as traballadoras e traballadores da planta de Alcoa-San Cibrao. A decisión da empresa de pechar é, sen dúbida, unha noticia terrible para todas as familias que directa e indirectamente viven desta industria na zona da mariña lucense, e máis tendo en conta o contexto de pandemia de COVID-19, coas incertezas que engade nos nosos futuros máis próximos.

As administracións deben tomar as medidas oportunas para evitar que as traballadoras e as súas familias sexan as que paguen o colapso deste modelo de industria. Pero estas medidas de protección teñen que ter altura de miras, non deben ser un parche curtopracista que simplemente adíe o problema uns cantos anos en diante.

Temos ante nós a responsabilidade e a oportunidade de reconvertir o modelo industrial de Alcoa en algo distinto, de fomentar unha industria verde que responda ás necesidades do presente e que non prexudique ás novas xeracións e ás que máis tarde virán.

Dende EQUO Galicia esiximos aos gobernos da Xunta e do estado que se leve a cabo un plan de reconversión industrial das comarcas afectadas polos peches destas industrias. As posibilidades son tan variadas como diversos son os traballos que precisamos para afrontar a década na que estamos a entrar: Enerxías renovables, reciclaxe, economía circular, mobilidade sostible…

Unha reconversión industrial verde abre as portas que precisamos para acadar os obxectivos de redución de emisións. É unha posible solución, tanto para as traballadoras de Alcoa, como para moitas outras, que atoparían nestes eidos un futuro laboral digno e con garantías.

Comments are closed.