EQUO elixe ás súas candidatas provinciais de cara ás eleccións xerais

Co horizonte electoral das Xerais cada vez máis preto, e mentres traballamos no noso programa electoral na Equomunidade e por outro lado exploramos a posibilidade de acadar unha candidatura de confluencia, EQUO está xa inmerso no seu proceso de primarias provinciais onde afiliadas e simpatizantes escollerán ás persoas que representarán a EQUO nas distintas circunscricións.

Como ven sendo habitual en EQUO, para a confección destas listas estase a seguir un proceso aberto, neste caso en dúas fases. Unha primeira fase, hai uns meses, na que militantes e simpatizantes elixiron a Juantxo López de Uralde como cabeza de lista para estas Xerais. Atopámonos agora na segunda parte destas primarias, onde elixiremos ao resto de persoas de EQUO que conformarían ás nosas listas provinciais para o Congreso dos Diputadoe e o Senado.

O día 19 de setembro finaliza o prazo de presentación de candidaturas, onde se poden presentar tanto persoas afiliadas coma simpatizantes; no caso das simpatizantes precisando o aval da súa mesa territorial. O día 23 publicarase a lista definitiva e a partir do 24 e ata o día 27 de setembro levaranse a cabo as votacións. A publicación dos resultados definitivos realizarase o día 30 de setembro.

A lista que finalmente sairá destas primarias non descarta a participación de EQUO noutros procesos de confluencia que se están a desenvolver nestes momentos e nos que vén participando activamente desde hai tempo.

Apostamos pola democracia radical da que facemos uso nos nosos propios procesos e por iso defendemos un xeito de facer política que pase pola participación cidadá e a unión de forzas de cara a levar ás institucións as ideas de equidade, democracia participativa e ecoloxía que nos definen.

Invitámoste pois a participar do proceso.

Deixa unha resposta