Primarias de EQUO Galicia para as eleccións autonómicas galegas 2020

Ante a recente disolución das cortes do parlamento galego, e a convocatoria adiantada de eleccións que afrontamos toda a cidadanía galega, dende EQUO Galicia facemos un chamamento ás nosas afiliadas e simpatizantes a participar no noso proceso de primarias.

Estamos ante un momento crucial, no que a emerxencia climática é máis tanxible e clara que nunca, e temos a oportunidade de participar activamente na conformación dun goberno que poña fin a unha década de desgoberno por parte do Partido Popular. Temos a posibilidade de parar e reverter todas estas leis que tanto dano están a facer aos nosos ecosistemas, cidades e pobos, e que tantas desigualdades e inxustizas está a fomentar.

Como simpatizante ou afiliada de EQUO, tes na túa man ser parte deste cambio, de traballar por unha Galicia mellor. Dende a Mesa Nacional de EQUO Galicia, animámoste a que participes activamente neste proceso aberto e transparente, que é a esencia mesma do noso espírito democrático e participativo.

Lembrade que son tan necesarias as persoas que lideren ás listas e participen activamente na campaña como as compañeiras que queran colaborar para completar o número mínimo esixido de candidatas nas listas das diferentes circunscricións*. Toda achega é necesaria e valiosa para o noso proxecto.

Información xeral sobre este proceso de primarias:

  • Poden presentarse persoas afiliadas e simpatizantes. Teñen que figurar no censo antes das 00:00 do día 12 de Febreiro de 2020. Para presentar a túa candidatura, por favor, envía o teu nome, DNI (non se fará público), foto (opcional) e provincia onde estes censada. Logo, cun máximo de 150 palabras por apartado, achega unha presentación persoal, a túa vinculación con EQUO Galicia, e as razóns para presentarte. Non se aceptarán nin documentos adxuntos, nin enlaces web.

  • Envía a túa candidatura á conta de correo electrónico info@equogalicia.org.

Calendario do proceso de elección de candidaturas para as Eleccións Galegas de EQUO Galicia:

  • O día 13 de febreiro de 2020 ás 00:00 ábrese o prazo de presentación de candidaturas. Este prazo de presentación de candidaturas remata ás 23:59 do 17 de Febreiro de 2020.

  • O día 18 de febreiro de 2020, ás 00:00, publicaranse as candidaturas e abrirase o prazo de reclamacións, período que rematará, ese mesmo día, ás 23:59.

  • O día 19 de febreiro de 2020, publicaranse as listas definitivas, e comezará a votación. A votación remata o día 22 de febreiro de 2020, ás 20:00.

(*)En función do artigo 22.2 da Lei 8/1985, do 13 de agosto de eleccións ao Parlamento de Galicia. (Última modificación: 31 de agosto do 2015): Coruña 24  Pontevedra 22   Lugo 14   Ourense 14

 

Comments are closed.