Pouco que celebrar neste día do Medio Ambiente

EQUO denuncia a nefasta política do goberno que nos leva ao desastre medioambiental

Artigo 45 da (aínda en vigor) Constitución Española:

  1. Todos teñen o dereito a disfrutar dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo.
  2. Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva.
  3. Para quen viole o disposto no apartado anterior, nos termos que a lei fixe estableceranse sancións penais ou, no seu caso, administrativas, así como a obrigación de reparar o dano causado.

Foto dunha chapa de EQUO entre a herba

En EQUO pensamos que é necesario poñer en marcha políticas ambientais que incidan na importancia do respecto ás normas xurídicas para a protección do medio ambiente xa existentes, así como traballar na elaboración de nova lexislación para facer fronte ás novas ameazas medio ambientais, ademais de resolver moitos casos de agresións pasadas e presentes que están pendentes de resolucións.

Para EQUO, o visto bo hai uns días do Ministerio de Medio Ambiente ás sondaxes petrolíferas en augas canarias exemplifica o que ven sendo a política medio ambiental do goberno do Estado, cales son as súas prioridades e a que intereses responden. En palabras de Juantxo Uralde, co-voceiro federal de EQUO, «estamos a dar pasos atrás claros e en certa forma irreversibles na nosa política ambiental. Ningún goberno foi tan dañino para os nosos recursos naturais coma este».

Para EQUO son innumerables as decisións deste goberno que están a perxudicar ao medio ambiente, e polo tanto a todas as persoas, e que van desde as citadas prospeccións, a privatización dos espazos naturais, a lei de costas, os coqueteos co fracking, pasando pola nefasta política enerxética, asunto especialmente grave. Neste sentido, o ataque do goberno ás enerxías renovables e a súa aposta por enerxías sucias, caras, perigosas e insostibles é dunha enorme gravidade e nos pasará factura tanto desde un punto de vista medioambiental como económico e social.

Por outra banda, o medio rural é o máis directamente implicado coa conservación do medio polo que é prioritario que se desenvolva con criterios de sostibilidade, non só produtivistas, reducindo os impactos das actividades agrarias intensivas, producindo alimentos de calidade, e valorando a necesidade da conservación dos recursos naturais e das actividades rurais tradicionais. Así mesmo é necesario que se desenvolva con viabilidade económica de maneira que se contribúa a evitar a perda de poboación no medio rural, mediante a xeración de novos empregos de calidade. Estes problemas, especialmente relevantes na nosa Galicia, están sendo deixados de lado en favor de políticas que non só non priorizan a conservación do noso, senón que parecen favorecer únicamente os intereses duns poucos.

Este Día Mundial do Medio Ambiente 2014 está adicado á sensibilización sobre a problemática da ascensión do nivel do mar polo cambio climático e a súa inminente ameaza ás terras insulares. Neste sentido, os efectos que se derivan do cambio climático xa se veñen notando en Galicia desde hai anos. As recercusións que tería a implantación dunha Lei de Cambio Climático en Galicia suporía ter un control dos catastróficos avances do cambio do clima.

Xa son hoxe indiscutibles datos como a subida de 0,5 graos de temperatura na última década ou as consecuencias que o cambio climático está a provocar na climatoloxia galega, cun aumento de 0,18 graos por década e o aumento no número de días e noites cálidas; nos ecosistemas mariños, cun aumento de 16cm no nivel do mar, proceso que ademais se está a acelerar cun aumento do nivel de 1cm/ano, reducíndose os días de afloramento, afectando á produtividade nas nosas rías e provocando a aparición de especies tropicais;  e os efectos sobre os ecosistemas terrestres: co aumento de CO2 na atmósfera aumentaron os axentes patóxenos forestais e se incrementou o perigo de incendio forestal, acabando cos sumideiros de carbono naturais das masas forestais galegas.

Diante deste panorama, os impactos do cambio climático deberían representar unha prioridade para as administracións e para a sociedade en xeral. Unha lei de cambio climático é nestes momentos máis necesaria que nunca, e suporía un importante pulo cara a aportación de solucións que freen o avance desta ameaza. Dita lei tería que contemplar unha redución efectiva nas emisions de Gases de Efecto Invernadoiro á atmósfera, non so polos emisores habituais, senón aumentando o seu alcance a grandes focos de emisión que non están a ser incluídos nas normativas actuais, como os orixinados polo transporte, os residuos, polas actividades gandeiras e agrícolas e tamén polos hábitos de consumo da sociedade actual, incidindo en proxectos domésticos de redución. Leis deste tipo están a ter unha grande acollida noutros países membros  da UE, como o Reino Unido e Escocia, onde xa está en vigotr. A nivel estatal existe un compromiso firme de varias comunidades, como Baleares, Cataluña, Madrid e Euskadi, que xa teñen redactado un borrador de anteproxecto da lei. EQUO Galicia pensa que é o momento de que Galicia mostre o seu apoio firme e incondicional co Medio Ambiente cunha Lei de Cambio Climático que permita avanzar nesa dirección.

En EQUO queremos insistir en que a protección e defensa do medio ambiente debe ser unha das prioridades básicas de todo goberno, pois ademais de ser un deito básico da ciudadanía (lembramos de novo o recollido na actual Constitución Española), supón unha grande oportunidade de cambio do modelo económico e produtivo actual cara un baseado nunha economía sostible, que cree empleo, de baixa pegada ecolóxica, xusta, social e solidaria, ao servizo das personas e do seu benestar.

Foto das Illas Cíes: Vista das illas de Monteagudo e do Medio desde a Costa da Vela. Foto de Caos, 2006/07/06 , Licenza CC-BY-SA-2.5,2.0,1.0, GFDL, Illas Cíes

Deixa unha resposta