A nosa postura ante as vindeiras Eleccións Xerais

EQUO Galicia propón que a cidadanía tome o protagonismo nunha candidatura unitaria

Unidade. Unidade para facer fronte ás políticas que nos levaron a esta crise económica e ecolóxica. Unidade sen intereses partidistas, coa cidadanía como protagonista e aproveitando a intelixencia colectiva. Unidade para construír un proxecto en común ilusionante, con opcións electorias reais para cambiar as prioridades das nosas institucións.

Esta é a posición que a Asemblea Nacional de EQUO Galicia decidiu a comezos do verán, abondando no traballo de confluencia desde abaixo acadado por moitas das propostas municipalistas na pasada primavera: as persoas deben ser os auténticos suxeitos políticos deste proceso, cos partidos políticos dispostos a apoiar dende un segundo plano.

EQUO Galicia aposta pois por unha candidatura de confluencia real para Galicia, artellada en políticas para facer fronte ás nosas emerxencias sociais, económicas e ecolóxicas. Na nosa opinión, os pactos por arriba, os acordos entre cúpulas, corren o risco de levarnos a repetir erros do pasado recente, cociñando candidaturas pouco ou nada inclusivas nas que a maioría social non se vai ver representada. A urxencia do momento demanda que sexamos quen de aproveitar esta oportunidade histórica con xenerosidade e audacia.

É a nosa intención, polo tanto, seguir a traballar nos procesos de confluencia en prol dunha auténtica candidatura de unidade para Galicia. Unha candidatura na que poder incorporar as nosas políticas para o bo vivir baseadas na ecoloxía política.

Nota de Prensa enviada aos medios.

Deixa unha resposta