Pedimos a RENFE que restableza os servizos ferroviarios anteriores ao estado de alarma

As organizacións territoriais do partido verde EQUO en Galicia, Asturias e Cantabria reclaman a RENFE que se restablezan os servizos ferroviarios anteriores ao estado de alarma, que finalizou en xuño, con moita brevidade.

Coa declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo de 2020 declarado con motivo da pandemia do coronavirus, a empresa pública RENFE reduciu os seus servizos ferroviarios, xa que a mobilidade da cidadanía estaba restrinxida de forma xeral.

Con todo, desde o fin do estado de alarma en xuño e o levantamento destas restricións, RENFE mantén servizos reducidos na maioría das liñas de proximidade e rexionais, en lugar de restablecer todos os horarios comerciais anteriores á pandemia.

O recorte de servizos depende de cada liña en particular. EQUO denuncia a situación particularmente crítica nas liñas rexionais de Feve que conforman o corredor ferroviario da cornixa cantábrica: Ferrol-Oviedo, Oviedo-Santander e Santander-Bilbao. Nas tres ofrécese un só servizo por sentido ao día, o que supón unha redución do 50 % fronte a antes do estado de alarma e impide usar o tren cunha mínima flexibilidade horaria (por exemplo, para excursións dun só día).

No tramo galego do FEVE, a redución de servizos alcanza o 66% respecto ao mes de marzo.

EQUO defende a necesidade garantir unha calidade mínima no ferrocarril, en particular o que comunica zonas rurais, para evitar a perda de viaxeiros. Dado que as restricións á mobilidade elimináronse fai tres meses, non hai razóns para que Renfe manteña servizos reducidos. As primeiras persoas que necesitan que se reverta o recorte horario son as que habitan nos núcleos de poboación polas que pasa o tren. Contar con diferentes alternativas de transporte público (tren e autobús, por exemplo) axudará a reducir as aglomeracións ao viaxar.

Ademais, a formación verde lembra que estas liñas de trens rexionais teñen un interese turístico innegable, xa que se usan a cotío para actividades na natureza, como sendeirismo ou ciclismo. Este tipo de lecer, que supón un risco de aglomeracións case nulo, facilítase de forma considerable se polo menos ofrecese un servizo pola mañá e outro pola tarde, con horarios que faciliten na medida do posible as viaxes de ida e volta no mesmo día.

Comments are closed.