Paremos o TTIP: novas accións de información e sensibilización

As Persoas e o Planeta antes que o Capital!

18A vigo

TTIP: siglas en inglés dese tratado de libre comercio que a Unión Europea e os Estados Unidos están a negociar ás nosas costas, de xeito absolutamente escandaloso, e que busca priorizar os beneficios das grandes corporacións sobre os nosos dereitos e o noso benestar.

Ante a ameaza do TTIP, a cidadanía organizada social e politicamente está a reaccionar con distintas mobilizacións para informar, sensibilizar e protestar ante este atropelo por parte de certos intereses que, desde logo, non son os da cidadanía.

Varias son as frontes nas que se está a loitar contra o TTIP, dando a coñecer que é e as súas consecuencias, así como intentando xerar estruturas de resposta social onde se aglutinen as forzas contra os TLC (Tratados de Libre Comercio). A campaña global «18A, Global Action Day»  trata de ser un nexo común no que concentrar e facer confluír as distintas mobilizacións o 18 de abril. Unha das organizacións que máis está a mover estas mobilizacións é ECOAR, aínda que non se pode tampouco obviar o gran traballo de información e denuncia feito por outras organizacións como ATTAC. Incorporamos ao final desta entrada o manifesto desta acción global. A principal manifetación en Galicia será en Vigo, e de momento é a única confirmada.

Mirando xa cara esa cita do 18A, en Galicia dan comezo hoxe, xoves 26 de marzo, as xornadas «Recuperar Soberanía, Desarmar o TTIP» cunha primeira charla en Vigo da man de Susan George, activista, escritora, científica socio-política e presidenta da Xunta do Transnational Institute. Estas xornadas, coordinadas por ECOAR e participadas por múltipes persoas e colectivos, constarán de varias sesións en distintos lugares de Galicia.

Cartel das xornadas Recuperar Soberanía, Desarmar o TTIP

A relación completa de relatorios destas xornadas é:

  • 26 marzo ás 19:30h, Susan George no Auditorio do Centro Municipal de Teis, Vigo.
  • 31 marzo ás 19h, Florent Marcellesiu e Tom Kucharz, videoconferencia que pode ser seguida na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, no Salón de Graos da Facultade de Socioloxía da Coruña e no Café de Catro a Catro de Vigo.
  • 4 abril ás 20h, Albano Dante Fachin no Salón de Actos do IES Santa Irene, Vigo.
  • 9 abril ás 19h, Ricardo G. Zaldívar no Salón de Actos da Facultade de Económicas de Santiago de Compostela
  • 13 abril ás 19h, Arcadi Oliveres na Aula Magna da Facultade de Socioloxía da Coruña.

Precisamente unha das persoas que intervén nestas xornadas é Florent Marcellesi, representante de EQUO no Parlamento Europeo, outra das frontes nas que o Partido Verde Europeo e outras organizacións políticas tratan de plantar cara ao TTIP. Florent está a facer un incansable labor neste eido, non só co seu traballo político senón tamén cun importante esforzo divulgador, do que presentamos a continuación unha escolma:

Ligazón á campaña contra o TTIP

Manifesto do Día de acción global – 18 de abril do 2015 (báixao en PDF!)

As Persoas e o Planeta antes que o Beneficio Corporativo

Chamamento de acción acción global para deter os Tratados de libre comercio e investimentos

Nós, organizacións da sociedade civil, sindicalistas, campesiñas e campesiños, xuventude, mulleres e homes activistas de movementos da Galiza xunto con outras de todas as partes do mundo, chamamos a un Día de acción global a realizarse o 18 de abril do 2015 co fin de parar os acordos de libre comercio e investimentos e promover unha economía que funcione para cada unha das persoas, e para o medio ambiente.

Ao longo das últimas décadas, as empresas transnacionais e os gobernos impulsaron tratados de libre comercio e de investimentos ás costas da cidadanía, vulnerando os nosos dereitos e os do medio ambiente.

Ao longo das últimas décadas, vimos loitando pola soberanía alimentaria, polos nosos bens comúns, pola xestión dos nosos recursos, pola defensa dos nosos empregos, os nosos territorios, as liberdades en internet, mentres esixiamos democracia. No camiño, crecemos como movemento, logramos que escoiten as nosas voces e logramos moitas vitorias.

Entre todas podemos parar os acordos que se están negociando ás nosas costas e traballar para revertir os impactos nocivos dos tratados pasados. Xuntas impulsamos as nosas alternativas que se fundamentan na primacía dos dereitos humanos e na defensa do Medio Ambiente por encima dos privilexios e beneficios das grandes empresas.

Facemos un chamamento á cidadanía viguesa e a todas as organizacións presentes na cidade, e de toda Galicia, a que se mobilicen o 18 de abril contra este tipo de tratados de libre comercio que pretenden facer máis efectivo o trasvase de riqueza cara as elites. Sumámonos cunha concentración en Vigo (cruce da rúa do Príncipe con Colón), ás 20h á diversidade de tácticas e accións solidarias que se preparan a redor de todo o planeta para contribuir a informar buscando a participación e mobilización da xente, rumbo a un novo modelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de todas as persoas e o planeta, agora e no futuro.

 

Deixa unha resposta