Nunca máis!

EQUO cualifica de escandalosa a sentenza absolutoria sobre a catástrofe do Prestige

Nunca máis!
Para EQUO e EQUO Galicia, a sentenza coñecida hoxe sobre o Prestige, que 11 anos despois de terse producido a catástrofe absolve ás persoas xulgadas (tan só hai unha condena leve ao capitán do barco por desobediencia), é absolutamente incomprensible e abre unha importante fenda na credibilidade do noso sistema de xustiza, xa de por si bastante desprestixiado.

EQUO considera que, se xa foi un escándalo o feito de non sentar no banquiño aos principais responsables políticos e empresariais do desastre, agora esta desfeita de sentenza, que incluso chega a avalar a decisión de alonxar o barco da costa, evidencia aínda máis a falta de xustiza que rodea a todo este asunto.

Neste sentido, EQUO ve claras responsabilidades por parte do por aquel entón Vicepresidente do goberno de España, Mariano Rajoy, do propio Presidente José María Aznar e, sobre todo, do Ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos. Tres cargos políticos que destacaron pola súa pésima xestión da crise, completamente de costas aos intereses da cidadanía, e por unha neglixente toma de decisións que ocasionou gravísimas consecuencias para o medio ambiente e as persoas.

Ademais, tamén terían que ter sido xulgadas as persoas coa máxima responsabilidade da empresa, que de xeito incomprensible estiveron ausentes de todo o proceso. O xuizo apuntaba xa, polo tanto, moi baixo desde o comezo.

En resumo, para EQUO esta sentenza supón unha auténtica labazada ás miles de persoas voluntarias que, desde o primeiro momento, se lanzaron a limpar a costa galega ante a inoperancia da administración; e tamén para as familias que viron ameazado o seu medio de vida pola contaminación do mar e das costas. O veredicto lanza ademais unha perigosa mensaxe de impunidade para este tipo de delitos, como lamentablemente ven sendo habitual cando se trata de agresións ao noso medio ambiente.

Por todo isto, EQUO e EQUO Galicia expresan o seu total rechazo á sentenza e ao desenvolvemento de todo o proceso xudicial tal e como tivo lugar, xa que desde o primeiro momento evitou entrar no fondo da cuestión e optou por non profundizar nos feitos acontecidos.

Deixa unha resposta