Non cedamos ás presións do lobby do motor

A actual crise está abrindo debates e poñendo a cada quen no seu sitio. En EQUO Galicia non podemos máis que amosar a nosa indignación ante as presións do lobby do automóbil en contra da peonalización de rúas e o fomento da bicicleta. Precisamos un plan de choque para unha mobilidade sostible. É o momento de tomar medidas que favorzan o benestar común, non de ceder ás presións de unha das industrias máis contaminantes que existen. As administracións teñen que ser o noso grante como persoas, o bastión da nosa saúde.

É o momento de ter altura de miras e establecer políticas que non supoñan unha hipoteca para as futuras xeracións. Temos a posibilidade de comenzar unha reconversión industrial máis ecolóxica e fomentar así un modelo de sociedade centrada nas persoas.

A patronal do automóbil di que temos que abrir a nosa economía ás multinacionais e que tomando medidas de mobilidade verde as espantamos. Dende EQUO Galicia, pensamos que non se pode poñer os intereses deses xigantes transnacionais por riba das persoas e do ben común. Se os poderes públicos deberían apoiar a algunha empresa sería precisamente a aquela de tamaño máis pequeno, á economía colaborativa ou a cooperativas dedicadas a actividades non contaminantes, que son as qu crean máis e mellores postos de traballo.
Lembremos que esas multinacionais que queren facernos claudicar son as que non lles trema a man cando teñen que mover unha fábrica a outro país. Tamén son as que xogan con ameazas aos postos de traballo para conseguir vantaxes fiscais, que ao final van en detrimento do estado do benestar.

A patronal do motor non fai ningunha alusión á transformación automobilística que eles mesmos teñen que acometer. En lugar de adicarse a presionar aos gobernos, terían que traballar urxentemente en renovar o seu sector xa que os gobernos non deben rescatar a ningún sector que non estea comprometido coa transición ecolóxica. Mentres que non transformen o seu sector de actividade para que os seus produtos non teñan emisións, non están lexitimados para demandar ás institucións que se lles dea un trato que pasa por riba do ben común e nos pon en situación de emerxencia climática.

O futuro da nosa industria ten que pasar por reducir o tamaño dos operadores económicos que teñen que estar moito máis centrados na investigación e na fabricación sen residuos, sen emisións e que contribúan fiscalmente ao desenvolvemento igualitario da nosa sociedade.

O traballo que hai diante para a reconversión non é sinxelo, pero é necesario se queremos ter un futuro.

 

Comments are closed.