Nin arte nin cultura

EQUO Galicia apoia a iniciativa dos grupos antitaurinos e destaca o seu importante labor

EQUO Galicia, organización política membro de AGE, manifesta o seu total rexeitamento a toda práctica que supoña o gratuito maltrato dos animais, e expresa o seu máis profundo agradecemento á plataforma Galicia mellor sen touradas, á asociación animalista Libera e á fundación Franz Weber.

EQUO Galicia suscribe a iniciativa desenvolvida polos principais grupos antitaurinos e, como eles, avoga por unha Galicia libre de touradas, onde este lamentable espectáculo quede reducido a cinzas. «Non podemos contemplar a idea de que se continúe a chamar ‘deporte’, ‘arte’ ou ‘cultura’ a semellante práctica, propia doutros tempos». Neste sentido, resulta especialmente insultante o anuncio do goberno do Estado dunha posible rebaixa do IVE das touradas baseada no seu pretendido carácter cultural.

Volvendo a Galicia, e no caso particular da cidade da Coruña, tendo en conta a inxente cantidade de sinaturas recollidas (máis que en calquera outra campaña de firmas realizada nesta cidade) o que evidencia o aval lanzado pola sociedade galega en contra desta actividade, EQUO Galicia quere saber a que prioridade atenden os 185.000 euros empregados en adaptar e ceder instalacións de titularidade municipal desde 2011.

Por último, EQUO Galicia está máis que disposto a participar e colaborar en futuras campañas de cara a acadar este ansiado obxectivo, e sempre está aberto a debatir novas iniciativas e a explicar os fundamentos e razóns da súa postura neste asunto. Compartimos polo tanto o seguinte manifesto da asociación Libera:

POR UNHA EUROPA QUE DEFENDA AOS ANIMAIS

A tortura non é cultura

Deixa unha resposta