Este domingo, únete á Marcha Mundial polo Clima

Marchas e concentracións na Coruña, Ourense en Vigo para reclamar ás dirixentes do Cumio de París (COP21) medidas efectivas na loita contra o cambio climático.

EQUO Coruña organiza unha charla sobre o cambio climático tras a concentración da Coruña

Os líderes mundiais de 195 países reuniranse en París con motivo da vixésimo primeira Conferencia das Partes (COP21) auspiciada pola Convención Macro das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático. Este cumio comezará o día 30 deste mes e rematará o 11 de decembro. O día anterior, domingo 29 de novembro, terá lugar a Marcha Mundial polo Clima coa que millóns de persoas no mundo queren esixirlle a estes líderes mundiais que cheguen a un acordo na loita contra o cambio climático.

A Coruña, Ourense en Vigo serán as cidades galegas que acollan actos deste tipo. En Ourense, a marcha organizada por Amigos da Terra arranca ás 19h do domingo na Praza Maior, e chegará á Ponte Romana. En Vigo, na Rúa de Sebastián Elcano haberá unha concentración, con manifesto e micro aberto, ás 16:30. O lugar elixido polas convocantes na Coruña é a Praza de María Pita, e aquí a concentración comezará ás 12.00 horas da mañá do domingo. As organizadoras da protesta coruñesa animan a todas as persoas que asistan á mesma a que leven abanos, para simbolizar o empeño das persoas por tomar accións individuais por reducir as emisións de dióxido de carbono. Despois da concentración, ás 13.00 horas, EQUO Coruña organizada unha charla sobre o cambio climático na que se conta co físico e divulgador científico Rubén Fernández (Xarpe Serpe) e a covoceira de EQUO A Coruña, Silvia Pinal. O acto terá lugar na Libraría Berbiriana, ao lado de María Pita (berbiriana, libros e grolos http://berbiriana.com, Rúa Santiago 7).

Estas son as convocatorias lanzadas na plataforma telemática Avaaz:

Dende EQUO Galicia valoramos moi positivamente as distintas iniciativas que se levarán a cabo este 29 de novembro en todo o país, e invitamos a todas as organizacións e persoas a que se acheguen ás mesmas para facerlles saber aos gobernantes mundiais que deben ser ambiciosos nesta loita, con altura de miras e deixando a un lado os intereses particulares de cada país, defendendo ás persoas e ao seu hábitat e non ás grandes corporacións, que presionan para seguir co ritmo actual de contaminación. Queremos lembrar que, de non reducirse inmediatamente o ritmo de emisións de CO2, as temperaturas subirán entre 3,7º e 4º graos a finais de século, e hai que ter en conta que unha suba de 2º xa ten consecuencias dramáticas para o planeta.

A nosa asemblea quere poñer de manifesto que a crise climática á que nos enfrontamos non é mais que unha parte dunha gran crise multidimensional que ten no seu centro o modelo produtivo no que nos vemos inmersos. O capitalismo xerou consecuencias que non entran nos libros contables das empresas e dos estados, como a destrución do medio, conflitos bélicos polo control de recursos enerxéticos ou as crecentes desigualdades sociais. Por todo isto, en EQUO pensamos que o modelo ten que cambiar e, mentres iso non sucede, demandamos que para 2050 o 100% das enerxías sexan renovables e que a Unión Europea defenda posicións máis valentes (a súa proposta de redución dun 40% é insuficiente). As gobernantes reunidas na COP21 teñen que chegar a acordos vinculantes que non poidan ser impugnados diante de tribunais como os propostos no TTIP e no CETA. Ademais, débese dar soporte financeiro aos países do Sur para a súa transición a un modelo sostible xa que son os que menos contribúen ao cambio climático pero os primeiros que notan as súas consecuencias.

Debuxo do noso planeta apostando polas enerxías verdes e o consumo responsable

 

Deixa unha resposta