Manifesto ESPAZO-EQUO 25X

Unha onda verde para defender a terra

O 25 de xullo, non só é o ‘Día Nacional de Galicia’ ou o ‘Día da Patria Galega’, é tamén unha data clave para fixar por parte das forzas políticas as axendas do curso próximo.

Asistimos a un novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá, dun novo xeito de entender a política ligada ás demandas reais da xente, ao Ben Común.

O movemento do 15M, a crise da política clásica, a irrupción de AGE, as marchas da diginidade ou o proceso das Mareas son capitulos dun mesmo episodio político de cambio ligado ao esgotamento dun modelo político onde a democracia era entendida como un instrumento a unha nova etapa onde a democracia empeza a ser entendida como unha expresión cívica e cultural.

O curso 2016-2017 vai a estar ligado ás eleccións autonómicas, á posibilidade de crear unha alternativa progresista Mareas-PSOE ao goberno de Feijoo e si, despois dun tempo suficiente de experimentación, as forzas de ruptura democrática somos quen de vertebrar unha alternativa política cidadanista sustentado nun novo relato de cambio democrático ligado a novas axendas.

ESPAZO-EQUO como forza do ecoloxismo político e do soberanismo cívico non pode ser alleo á celebración da mesma.

Durante moitos anos a esquerda galega ten situado o 25 de xullo arredor de elementos identitarios illados das axendas sociais, ambientais ou democráticas concretas.

Para algúns o dereito a decidir se ten convertido nun concepto abstracto alleo ás demandas cidadás en lugar de ser a expresión da máxima radicalidade democrática.

Necesitamos ligar a soberanía popular ás demandas cívicas é así poder referenciar o soberanismo cívico como un elemento clave para o cambio.

Un deses elementos centrais, unha desas axendas do cambio, é o ecoloxismo e a defensa do medio natural.

Unha das realidades confirmadas nesta crise é a desaparación do medio ambiente das axendas políticas e mesmo do imaxinario social. O primeiro que se desbota son as insuficientes iniciativas que había previamente. A solución da crise consiste nunha sistemática busca de recuperación do estado das cifras macroeconómicas previo á mesma, eliminando a variable ambiental e substituíndoa por calquera acción que albisque crecemento económico, non importa a súa irracionalidade ou a súa inxustiza.

Nesta demencial carreira, asistimos a desfeitas paisaxísticas arreo, os investimentos nas infraestruturas de transporte máis contaminantes combínanse coa eliminación do apoio ás enerxías renovábeis. As subvencións ás enerxías fósiles corren parellas coa desaparición das políticas de educación ambiental. Parcelamos o noso territorio para facilitar a actuación da megaminaría, entregamos os montes ás industrias papeleira e enerxética, namentres asistimos impertérritos á destrución do tecido rural, verdadeiro garante da nosa capacidade de alimentarnos, da nosa soberanía alimentar. Seguimos a vivir nunha economía de guerra a escala global, ameazados polo perigo nuclear.

Esta irracionalidade macroeconómica implica tamén un recorte brutal de dereitos sociais a nivel galego, estatal e europeo. Esquécense as políticas redistributivas, concentrando aínda máis a riqueza nunhas poucas mans, á vez que porcións cada vez maiores da cidadanía van incrementando o seu grao de exclusión. Perséguese os activistas dos movementos sociais con todas as ferramentas represivas coas que conta o Estado e modifican a legalidade para xustificalo.

Non queremos entender que asistimos a unha crise sistémica: o modelo capitalista de crecemento infinito nun mundo limitado non é viábel. A superación do pico do petróleo, os efectos do cambio climático, un sistema agroindustrial destrutivo, a cada vez maior dificultade no acceso a produtos alimentarios de calidade e o esgotamento das materias primas, obrígannos a unha reformulación radical da realidade mundial, e xa que logo, da galega.

É imprescindíbel repensar a nosa sociedade en todos os seus ámbitos: o económico, o enerxético, o laboral, o social, o territorial, o alimentar … Debemos definir un horizonte de sustentabilidade ao que chegar, ver que precisamos e dotármonos dos medios para acadalo, repartindo de xeito equitativo os custos e os beneficios. Nin as vellas fórmulas keynesianas de obra pública nin a ausencia de fórmulas do actual neoliberalismo debastador poden dar resposta ás novas realidades.

Mais, este cambio de paradigma é imposíbel sen unha participación social profunda tanto na súa definición coma no seu desenvolvemento. A implicación cidadá en todos os campos, o fomento do coñecemento desta nova realidade, as ferramentas organizativas para xestionar esta implicación… Nunca coma nestes momentos resulta máis transcendente e necesario potenciar os instrumentos sociais que contribúan á apertura de procesos participativos reais, que empoderen a cidadanía para tomar as decisións.

O 25 de xullo falamos dos intereses nacionais namentres asistimos impertérritos á destrución do interese fundamental: a terra.

Por iso, nun tempo de cambio e ás portas dunhas eleccións autonómicas centrais para o noso futuro, na nova Marea de cambio que estamos a construír dous son os elementos centrais para que a mesma sexa a súa vez unha verdadeira onda verde: a xustiza social e ambiental, na vertente programática e a radicalidade cidadanista no seu construtor democrático.

Na terra o 25 de xullo de 2016

Deixa unha resposta