Máis e mellor democracia

EQUO Galicia apoia os movementos cidadáns de cara ás eleccións municipais

A Mesa Nacional de EQUO Galicia, na súa xuntanza do 25 de setembro, decidiu participar na construción de espazos colectivos nos que as forzas políticas e cidadás sumen desde as súas propias realidades para facer posible a transformación democrática das institucións.

Animamos ás persoas afiliadas e simpatizantes en Galicia a que participen nestes procesos nos seus concellos e a que transmitan os nosos principios de ecoloxía política, de sostibilidade económica, ambiental e social, e de transparencia radical.

En EQUO Galicia sentímonos especialmente cómodos con esta dinámica porque nós xa cumprimos desde fai tempo coas esixencias básicas destas iniciativas, isto é, primarias abertas e programa electoral definido entre todas e todos.

Esta confluencia debe facerse coas ideas claras. Tanto a forma como os contidos han de ser radicalmente democráticos e profundamente renovadores de cara a unha maior xustiza social e ambiental, para as xeracións presentes e futuras e en harmonía coa natureza e o resto de seres vivos.

EQUO Galicia traballará para conseguir estes propósitos baseándose en tres puntos fundamentais:

  • Primeiro, a construción de candidaturas deberá facerse a través de eleccións primarias abertas, mediante un compromiso de control cidadán dos cargos electos e un código ético que sexa cumprido escrupulosamente, todo iso impregnado pola perspectiva de xénero.
  • Segundo, a ecoloxía e a xustiza ambiental tamén deben estar presentes en todos os programas políticos das forzas nas que EQUO tome parte, poñendo especial énfase nun novo urbanismo participativo e sostible onde as persoas sexan as protagonistas do seu futuro, baseado nos principios da sostibilidade.
  • Ademais, a loita contra o desemprego, a desigualdade social e a pobreza deben ser unha prioridade política sen claudicar ante as vellas políticas “desarrollistas” que nos levaron ao abismo ambiental, económico e social que hoxe vivimos mediante a posta en marcha dunha economía verde á vez xeradora de postos de traballo e respectuosa co medio ambiente.

Con estas premisas EQUO Galicia participará de cheo nestes proxectos cidadáns de cara ás eleccións municipais do 2015.

Deixa unha resposta