Inaceptables verteduras no río Lagares

Ante as últimas verteduras producidas á canle do río Lagares, EQUO Galicia considera insultante o desleixo que se produce por parte das distintas Administracións Públicas con competencias na conservación, vixilancia e custodia dos ecosistemas fluviais.

O río Lagares é unha canle fluvial que estivo durante anos bioloxicamente morta debido aos constantes vertidos de todo tipo de substancias por parte de industrias e particulares. Esta situación resulta inexplicable e inxustificable a día de hoxe, xa que incumpre toda a lexislación que hai ao respecto de forma impune. Inxustificable pola a actitude das Administracións que miran cara a outro lado en vez de rematar coas verteduras e coa impunidade coa que actúan os culpables, xa que a día de hoxe hai medios materiais, técnicos e humanos para detectar vertidos e tamén para evitalos.

Sobre a orixe desta última vertedura: A cualificación de accidente non exime ás empresas da execución de medidas de prevención, de evitación e de reparación se son instalacións que fabrican produtos perigosos, como os químicos, por exemplo. O control sobre este tipo de instalacións é máis estrito polas inspeccións administrativas. Neste caso, aínda non está claro que tipo de industria é a que xerou esta vertedura pero segundo algúns medios podería ser algunha empresa química da zona.

Sobre as empresas que levan a cabo este tipo de actividades, debe comprobarse ademais se teñen licenza municipal de actividade (outorgada polo concello) e outro tipo de autorizacións preceptivas como a autorización ambiental integrada a cal vai conter información que asegure que a actividade executada na nave produce uns valores de emisión ou de contaminación compatibles co respecto ao medio ambiente e a saúde das persoas.

Por todo o mencionado anteriormente EQUO Galicia esixe:

  • Que as Administracións correspondentes fagan cumprir a lexislación existente para casos coma este.
  • Que se determine con celeridade cal é a empresa responsable.
  • Que dita empresa, determinada responsable, cumpra co castigo correspondente, tanto económico como funcional, sen quedar eximida da súa responsabilidade.

EQUO Galicia quere resaltar que é moi preocupante que as Administracións Públicas con responsabilidade neste ámbito non cumpran coas súas obrigas producindo co seu desleixo que este tipo de situacións se repitan cunha elevada frecuencia.