I Congreso de EQUO Galicia: pequeno resumo e primeiras conclusións

EQUO Galicia celebrou esta fin de semana, no Monte do Gozo en Santiago de Compostela, o seu Primeiro Congreso. Este congreso serviu para discutir e presentar a liña política do partido, tan necesaria nestes tempos de crise sistémica faltos de propostas alternativas ao neoliberalismo e desarrollismo imperantes. Ademais, EQUO Galicia, que vén de constituír recentemente a súa Mesa Executiva, aproveitou o Congreso para completar os seus órganos de coordinación elixindo á súa Mesa Nacional con membros das distintas agrupacións territoriais.

Comisión Executiva de EQUO Galicia

Presentación da primeira Comisión Executiva Nacional de EQUO Galicia.

EQUO Galicia valora de xeito moi positivo as conclusións ás que se chegou no Congreso, xa que permiten darlle continuidade a un proxecto creado desde a cidadanía como alternativa á política tradicional, e que se sustenta na equidade social, a rexeneración democrática e a sostibilidade ambiental.

Os contidos desenvolvéronse arredor de catro eixos nos que se agruparon todas as actividades levadas a cabo coa participación de múltiples relatores, tanto de EQUO Galicia como representantes de diversas organizacións como a Cooperativa Galega de ONGDs ou a promotora da Cooperativa Enerxética Galega. Os catro eixos mencionados foron: Economía e Sociedade, Democracia e Dereitos, Sostibilidade Medioambiental e Estratexias de Comunicación. Dentro destes laboratorios de ideas púidose asistir a disertacións sobre Agroecoloxía, Bioconstrución, Mobilidade, Enerxía, Cooperación, Democracia participativa e Software libre, entre outros, ademais de traballar na potenciación da nosa estratexia de comunicación interna e externa.

Aínda que non houbo tempo para tratar polo miúdo todos os temas incluídos nos laboratorios de ideas, as conclusións do traballo desenvolvido neles serviron para, dentro de cada unha das áreas, facer unha análise de propostas alternativas ás políticas actuais que melloren as condicións dos cidadáns, buscando entre outras cousas a creación de emprego en ámbitos que non danen o entorno, nos que ademais Galicia ten especial capacidade como a agroecoloxía, a pesca sostible, as enerxías renovables, etc. O Congreso tamén serviu para falar sobre as próximas eleccións europeas de 2014 e para a presentación da Rede EQUO Xove, que desde xa está a traballar en espallar os valores de equidade e ecoloxía social entre a mocidade galega. Nos vindeiros días irase facendo pública nesta páxina e na Equomunidade toda a documentación xerada durante este Congreso.

Foto da asistencia durante a apertura do Congreso

Na apertura do Congreso previa aos laboratorios de ideas.

Ademais das ponencias encadradas dentro das charlas temáticas, tamén se contou coa intervención de Juan López de Uralde, co-voceiro de EQUO Federal, que animou a continuar co traballo desenvolvido até o momento e valorou positivamente que, tanto EQUO a nivel federal, como EQUO Galicia en particular, manteñan unha tendencia á alza, tanto en actividade como en consecución de novas persoas afiliadas e simpatizantes.

Tamén asistiron ao Congreso deputados da coalición AGE, coa que EQUO Galicia comparte espazo, Juan Fajardo de EU, Antón Sánchez de ANOVA. Durante o Congreso falouse moi positivamente da experiencia en AGE, tanto por parte dos integrantes dos outros partidos como dos propios integrantes de EQUO Galicia. Os dous deputados de AGE destacaron a importancia que as propostas alternativas de EQUO Galicia poden ter no Parlamento de Galicia. Á súa vez, tamén se contou no peche don Congreso coa presenza de Manuel Dios de Espazo Ecosocialista.

EQUO Galicia quere agradecer a súa asistencia a todas as persoas que participaron no Congreso, relatores e asistentes, así como a Juan López de Uralde, co-voceiro de EQUO Federal, e aos compañeiros da coalición AGE que acudiron ó acto.

Deixa unha resposta